domingo, 2 de agosto de 2026

Ceuta: un topónimo da Reconquista

Adicado ós ceutís

A etimoloxía de Ceuta vense trazando dende o substantivo que encabeza a frase latina Septem Frates, "Os Sete Irmaos", que á súa vez traduce o grego Hepta Adelphoi, que se refería a unha liña de Sete Montes que se vían ó longo do paso polo Estreito de Xibraltar. Este nome xa era utilizado polos xeógrafos da antigüidade greco-latina, como Estrabón ou Pomponio Mela, aínda que non está claro se se referían con él á cidade de Ceuta ou a un accidente orográfico do estreito.

O célebre xeógrafo ceutí do século XI, Al-Idrisi, dicía que Ceuta tiña este nome por ser unha península cercada polo mar por todas partes, excepto polo seu estreito itsmo. O editor de Al-Idrisi, Dozy, indica que o étimo de Ceuta no que estaría pensando o xeógrafo musulmán sería, entón, o latín, saeptum, "cerca, recinto". Nós cremos, pola contra, que Al-Idrisi, estaría a pensar no latín cepta, (participio do verbo capio, "coller, tomar, conquerir") nunha das súas acepcións que significaba "cercada, acoutada" (da forma preferente capto, sae por exemplo o substantivo galego couto).

No centro, ruínas de Ceuta la Vieja no álbum da BVD "Atlas histórico y topográfico de la Guerra de África, sostenida por la nación española contra el imperio marroquí en 1859 y 1860".

Nin Septem ni Saepta


Çepta é a forma máis antiga que se coñece do topónimo, e ven sendo o participio do verbo latino capio, "coller, tomar por asalto, capturar". A forma do participio sen inflexión da vogal a é capta, e a forma inflexionada é cepta. Así se emprega na documentación galega medieval: "elegit dominus imperator sanctissimus Adefonsus qui multas provintias etiam et civitates ceptas a paganis [...]" (ano 840 - Braga) = elixiuse ó señor emperador santísimo Alfonso, que moitas provincias e cidades capturadas polos pagáns...

De Çepta pasouse a Çebta, e de aí á forma con vocalización do b implosivo, Ceuta, que non significa outra cousa que a cidade tomada, capturada, conquerida. Pero conquerida por quén? Vai ser difícil sabelo, posto que a cidade de Ceuta pasou por distintas mans: cartaxineses, romanos (Hispania Transfretana - ano 42), visigodos - bizantinos - visigodos (sucesivamente), musulmáns, portugueses (1415) e españois (1580). Mais como o seu nome romance está claramente vencellado nas fontes medievais á época da Reconquista, cremos que o adxectivo Çepta ("cidade capta") alude á súa captura polos pagáns mencionados nos textos cristianos, é dicir, polos musulmáns.