lunes, 24 de agosto de 2026

Luns e martes de madrugada... tras do Outeiro da Pedra Furada

 

Pedra Furada de Campo Lameiro. (C) Andregoto Galíndez 2023.

No interior da Pedra Furada de Campo Lameiro.
(C) Andregoto Galíndez 2023.

Ritual de meiguería: dentro da pedra oca, que ten varias coviñas onde asenta, ían as mulleres estériles de Campo Lameiro levando unha galiña preta que non tivese visto o sol en dous días, cortábanlle o pescozo e untábanse o corpo co sangue (tradición oral recollida no pobo de Campo Lameiro por Leo, arqueólogo do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro).

Tamén segundo me informaran as guías do Parque Arqueolóxico, o refrán dunha cántiga acumulativa infantil, "Luns e martes de madrugada, tras do Outeiro da Pedra Furada", referiríase á Pedra Furada de Campo Lameiro. Lois Carré Alvarellos recollera a cántiga en Berres, a uns 36 km de Campo Lameiro, polo que parece probable a identificación da pedra furada da cántiga coa do Parque Arqueolóxico (Contos populares da Galiza, Porto, 1968).

O libro do Parque, esgotado no 2023 en galego e castelán cando visitei o xacemento, propuña que a Pedra Furada era unha Portalén (usamos o termo proposto por Calros Solla), concretamente era "The gateway to the great beyond". Traduzo a continuación o que dicía a guía en inglés: "baseándonos en analoxías etnográficas sabemos que algunhas comunidades cren na existencia de dous mundos paralelos, e que as fendas das rochas e as covas son portas ó Alén. Se se quere conectar coas forzas do outro lado, cos seres que habitan ese inframundo, Pena Furada é o lugar idóneo. Dentro dela e arrodeados polas coviñas e os círculos concéntricos dos petróglifos, os crentes poderán atopar as respostas ás súas preguntas".

Nun xacemento semellante, o da Pedra Cavada (Gondomar), Ramón Fábregas atopara restos de hiosciamina (beleño), un potente enteóxeno, nun dos seus muíños naviculares (Los petroglifos y su contexto: un ejemplo de la Galicia meridional, 2001).

Taffoni e muíño navicular na entrada da Pedra Cavada de Gondomar. (C) AFV 2011.

Outras portas ó Alén e santuarios en pedras ocas que temos tratado no blog:

Un santuario con arte rupestre en los Barruecos de Malpartida, Arqueotoponimia 2021 (Celtiberia.net 2007)

Unha portalén entre Montaos e Bergantiños, Arqueotoponimia 2021.

No hay comentarios: