Heidegger xa tiña falado da relación entre os termos que designaban as causas / cousas políticas e xurídicas, os asuntos que atinxían ó pobo e se discutían nas primeiras asambleas parlamentarias: o latín res, "cousa", na frase res publica = "cousa pública", o latín causa, sinónimo de res e orixe dos termos románicos cousa / cosa / chose, os termos þing ou thing do nórdico e do xermánico, que tamén significan "cousa" e pasaron a utilizarse para designar os lugares físicos onde se celebraban as asambleas, se recitaban as leis e se discutía a súa aplicación a litixios concretos.
Na opinión do filósofo alemán o termo þing ou thing do nórdico e do xermánico nesta acepción política ou xurídica é un calco ou tradución directa a estas linguas do latín res publica ou causa > cousa / cosa / chose, "asunto, causa, cousa, cuestión, litixio que se discute na asamblea do pobo" (M. Heidegger, Conferencias de Bremen: "Das Ding", 1949).
Polo que respecta ó deus galaico Coso, o seu epíteto Oenaeco xa fora ligado etimoloxicamente por Blanca García Fernández-Albalat ás asambleas célticas irlandesas, ás xuntanzas chamadas óenaig. Na base común destes dous termos subxace o numeral indoeuropeo ou protocéltico oinos, "unidade", que reflicte o feito de se xuntar o pobo nas reunións. Nós agora propomos que o propio nome do deus Cosus tamén estivo vencellado ás asambleas políticas e xurídicas, pois ben podería provir de *Causus coa característica monoptongación au > o do latín vulgar epigráfico (v. Carnoy), moi anterior á evolución románica do diptongo au > ou. Neste sentido, a evolución *Causus > Cosus probaría que se trataba do deus das causas, das cousas ou asuntos asamblearios que concirnen ó pobo, moitas veces casos bélicos, o que xustifica a súa equiparación co deus Marte romano.
O deus Cosus coñécese exclusivamente pola epigrafía atopada na Gallaecia atlántica, non existen aras dedicadas ó deus no interior, salvo na zona do Bierzo, o que se podería explicar pola presenza documentada dos celtas supertamáricos na zona aurífera leonesa. A ara de San Mamede de Seavia (Coristanco) dedicada a Coso Oenaeco, ó deus das causas da asamblea, apareceu na Torre de Nogueira e probablemente fora trasladada dende a igrexa de San Mamede pola familia Bermúdez de Castro cando construíu o pazo no século XV. O adro de San Mamede puido ser primeiramente o lugar onde se celebraban as asambleas políticas dos galaicos; e a construción da igrexa sobre el cristianizou o punto de reunión pagán (cfr. "San Amedio ou San Mamede: vestixios dos németons na toponimia galega", Arqueotoponimia 2023).
Na nosa opinión, pois, as aras dedicadas por distintos oferentes ó deus Coso (o deus das causas) estarían motivadas por ter sido favorable a súa tutela xurídica nos litixios ou causas / cousas levadas ante as asambleas lexislativas populares dos primeiros parlamentos galaicos e europeos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario