As dúas Emilias, Brönte e Pardo Bazán, son recoñecidas por ter escrito dúas obras espléndidas que destacan na literatura inglesa do romanticismo e na literatura española do naturalismo. Calquera que teña lido os Cumios borrascosos (1847) de Emily Brönte e Los Pazos de Ulloa (1886) maila súa continuación La madre naturaleza (1887) da Pardo Bazán, darase de conta de que as dúas últimas son un traslado a Galicia da obra da novelista británica. Case un calco, pero con outra intención.
O argumento do díptico da Pardo Bazán está máis que baseado no argumento dos Cumios borrascosos, tamén os personaxes principais, que pertencen a dúas familias (unha caracterizada polos seus costumes rurais e máis bastos e a outra máis refinada, de cidade). As agrestes paisaxes aparecen na obra de dona Emilia como reflexo dos estados de ánimo e condicionan e determinan os caracteres, o humor e a personalidade dos seus protagonistas, como en Wüthering Heights, da que toma tamén a estrutura elemental da narración, que se articula como unha saga familiar que abrangue dúas xeracións. Outro punto en común é o observador externo, Mr. Lockwood / don Julián: caracterizados como insulsos e apoucados, o seu achegamento como hóspedes ó entorno hostil e rural dos Cumios / Pazos é o pretexto que dá pé a coñecer a través deles a historia que se nos conta dende a súa perspectiva. Neste sentido o narrador en terceira persona non é exactamente omnisciente, pois semella adoptar o punto de vista dos personaxes.
Dona Emilia coñecía a novela de Emily Brönte; quen non! Non sabemos se a puido ler na lingua orixinal ou nalgunha tradución ou resumo en francés, como o que publicara na Revue Contemporaine en 1861 o barón Ernouf (Collines Tempétueuses). Na resposta de dona Emilia a unha carta do Marqués de Premio Real, que lle escribiu por ler unha crítica bastante negativa sobre as escritoras inglesas fillas de cregos (exposta na obra La cuestión palpitante), menciona a Ellis Bell (seudónimo de Emily Brönte). Di que estas escritoras estaban pouco máis ou menos ó servizo da Igrexa: "Acúsame V. de ser demasiado severa con mis compañeras las novelistas británicas. Lo sentiría si fuese verdad, porque me parecen del peor gusto las envidillas entre señoras [...] Las novelistas más conocidas [...] deben el ser a ministros, rectores y vicarios [...] como las tres nombradísimas Currer, Ellis y Acton Bell [as irmás Brönte] No por eso es menos cierto lo que digo del carácter predicador que estas diaconisas imprimen a las letras, y de lo que se esmeran [...] en usar su pluma in aid of religion". Mais a pesares desta lixeireza e cordialidade aparentes, o único que queda claro trala lectura das obras é que a que usou a súa pluma a favor da Igrexa foi a propia Pardo Bazán, e non Emily Brönte, no desenlace de La madre naturaleza.

Árbore xenealóxica coas dúas ramas e as dúas xeracións do díptico Los Pazos de Ulloa - La madre naturaleza.
As principais equivalencias entre os personaxes de Cumios borrascosos e Los Pazos de Ulloa - La madre naturaleza
1. Mr. Lockwood / o crego don Julián. No rol de observadores externos, apoucados e dotados dunha moralidade católica estreita e ríxida, se achegan ó rural salvaxe das manor houses de "Wüthering Heights" e de "Los Pazos" (situada na vila imaxinada de Cebre). As descricións dos Pazos e os seus habitantes ben poderían estar baseadas no ambiente da vella Granxa de Meirás (demolida para construír o Pazo de Meirás).

Partida de cazadores na
Granxa de Meirás, fotografada en 1870 por José Quiroga, marido de Emilia Pardo Bazán. Entre eles aparecen varios candidatos a ser os futuros Primitivo e don Pedro de Ulloa.
2. Joseph / Primitivo. Criados túzaros dos seus respectivos señoritos.
3. Catherine Earnsaw / Sabel. As dúas mulleres resultan incomparables pola súa condición social, mais teñen en común encarnar o amor de Heathcliff e a paixón sexual descontrolada de don Pedro de Ulloa.
3. Heathcliff / don Pedro de Ulloa. Protagonistas principais das novelas: homes huraños, retorcidos, de humor melancólico e violento, rencorosos, primarios, movidos por baixas paixóns.
4. Isabella Linton / Nucha. Delicadas e refinadas esposas dos protagonistas; maltratadas por estes, que chegan a exercer violencia física contra elas.
5. Hareton / Perucho. Protagonistas da segunda xeración das sagas familiares. Nas novelas preséntanse respectivamente como fillo adoptivo de Heathcliff (adoptado por este trala morte do seu pai, co que Heathcliff se criara de pequeno), e fillo natural de don Pedro e Sabel, a perversa e bela criada (definida como "un pedazo de lozanísima carne").
6. Cathy / Manolita. Cathy ó ser só prima de Hareton pode casar con el, pechando felizmente de xeito vicario o vello asunto do amor imposible entre a súa nai Catherine e Heathcliff. Manolita, ó ser irmá de Perucho non pode casar con él: dona Emilia simplifica a árbore xenealóxica da novela británica para facer a Manolita e a Perucho irmáns, e decide meter á Igrexa polo medio para impoñer orde, como un deus ex machina, así evita a relación incestuosa enviando a Manolita a un convento, e a Perucho á emigración americana.
Estatua de Emilia Pardo Bazán nos Cantóns da Coruña.
A escritora é inflexible e corrixe os desvaríos da novela romántica de Emily Brönte poñendo coto as paixóns e instintos naturais mediante a relixión. Ó final fai decir ó crego don Julián: "lo que la naturaleza yerra, lo enmienda la gracia; y el advenimiento de Cristo y los méritos de su sangre preciosa fueron cabalmente para eso; para remediar la falta de nuestros primeros padres y sanar a la naturaleza enferma. La ley de naturaleza, aislada, sola, invóquenla las bestias: nosotros invocamos otra más alta... Para eso somos hombres, hijos de Dios y redimidos por él". A natureza é unha enfermidade que ten que ser corrixida e controlada non pola cultura, senón pola relixión. O intervencionismo da Pardo Bazán, a súa estricta moralidade (para con os demáis), impide que a súa obra sexa considerada naturalista, meramente descritiva do devir natural e predeterminado polo medio dos personaxes e acontecementos, sendo máis ben unha novela que reacciona contra o romanticismo cun final moralizante e aleccionador. É normal, pois, que a segunda parte non gustase ós seus lectores, que preferiron as relacións morbosas narradas en Wüthering Heights.
No hay comentarios:
Publicar un comentario