A forma máis antiga do hidrónimo Xubia / Xuvia que aparece na nosa documentación medieval é Iuuia (ano 977). A frase preposicional "trans Juvia" (ano 1101) orixinou o topónimo Traxoiba que xa se citaba no deslinde do lugar de Rañal (Moeche) nun testamento de 1687. Vemos, polo tanto, que o vocalismo de IUVIA achégase moito ó do teónimo feminino IOVEA da inscrición en lingua lusitana de Lamas de Moledo, sempre tendo en conta que as vogais dos ditongos poden realizarse de forma máis ou menos aberta: u/o (2ª vogal), e i/e (4ª vogal).
Pensar en que o hidrónimo Xubia / Xuvia podería ter orixe teonímico (IOVEA) resulta aceptable nun contexto paleoeuropeo no que moitos ríos, amáis de seren de xénero gramatical feminino, eran considerados divindades. O teónimo IOVEA aparece no ámbito itálico e na Lusitania e faría referencia a unha deusa absoluta equiparable en rango ó deus Xúpiter (IOVE).
IOVEA e Iuuia proveñen, pois, dunha raíz indoeuroepa que expresa a idea de divindade, DIVIYA, da que procede tamén o hidrónimo e teónimo de orixe celta Deva (Asturias - Cantabria e Galicia). Nas linguas itálicas (osco e peligno) aparecen as variantes DIOVIA, DIUVIA, IOVIA, que proban que o grupo d+iode tendía a un resultado con perda do d- inicial, ou con palatalización do d- inicial.
Mais como os significados da raíz que estamos a comentar abranguen tamén as ideas de ceo (celeste) e de esplendor e brillo, estas acepcións tamén poderían explicar a aplicación do nome de Iuuia a un río, en referencia á súa cor, como no caso do río Tinto e o rego Loureiro (de cor loura), que localizamos en Ogas (Vimianzo).