Aínda que o xeógrafo da antigüidade Claudio Ptolomeo (século II) situaba a cidade galaica de Burum entre as cidades interiores dos Galaicos Lucenses, a ubicación de Burum, seguindo as imprecisas coordenadas ptolemaicas, non moi lonxe do promontorio Trileuco (cabo Ortegal) semella apuntar a que Burum era máis costeira do que daba a entender Ptolomeo na súa Xeografía.
Federico Maciñeira pensaba que o Porto de Bares fora o Burum ptolemaico, pois Maciñeira "aún desconoce que a muy pocos kilómetro de Bares hay otro puerto que conserva su nombre ancestral, Burela. Este era, en realidad, por lo que sabemos hoy día, el Burum de Ptolomeo, de lo que puede inferirse que también esta era un puerto importante de época prerromana" (Domínguez Pérez: "Maciñeira y los estudios de identidad en el nacimiento de la protohistoria gallega, 1890-1950: de los modelos de Obermaier y Bosch al estado de la represión", Revista Atlántica-Mediterránea de Prehistoria y Arqueología Social, 2009). Eu dubido moito que Maciñeira (ou algún galego) descoñecese a existencia de Burela, mais Bares cadráballe mellor ó noso proto-arqueólogo coa súa hipótese sobre o Camiño dos Arrieiros como antiga vía de comunicación cara o suposto porto fenicio de Bares.
Na base de datos do CODOLGA a primeira mención que atopamos de Burela é de xénero masculino, o que concorda coa posibilidade de que sexa un diminutivo de Burum: "sancti Iulani de Nois [San Xiao de Nois] que habet iacentiam litore maris inter Burellum et Aurium" (ano 1096 - Mondoñedo). O cambio de xénero produciríase logo para concordar co substantivo implícito vila.
O topónimo Burum podería ser cognado do anglo-saxón burh, "terraplén e trincheira dunha fortificación", do que saen as numerosas terminacións en -bury da toponimia inglesa (Avebury, etc.). O étimo común do galaico Burum e o anglosaxón burh tiña un son aspirado en posición final que a lingua galaica perdeu case que de xeito inmediato, mentras que o anglo-saxón conservouno en resultados como borough, "cidade". Os dous castros contiguos de Burela formarían o antigo enclave de Burum arrodeados dun terraplén defensivo. Nun deles, no do Chao do Castro, apareceu o torques áureo de maior tamaño dos que se atoparon en Galicia, de preto de dous kilos de peso (1.812 gr.).
No hay comentarios:
Publicar un comentario