Mentras esperamos que os investigadores da SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) comecen a publicar os resultados do seu traballo, froito da primeira expedición científica multidisciplinar ó Tassili n'Ajjer (Arxelia) dirixida polo antropólogo Rafael Quintía, que levaron a cabo en xaneiro deste ano, nós andamos a enredar na etimoloxía de Ajjer, e de paso, admirando as belísimas pinturas e gravados rupestres do Tassili, relendo a Jean-Loic Le Quellec, experto na mitoloxía prehistórica que se representa na arte rupestre, e lembrando a película do Paciente inglés. Podería existir algunha relación entre a arte rupestre do Tassili (Arxelia) e a de Gilf Kebir (Libia), onde o aristócrata húngaro Lázsló Almássy atopou a famosa Cova dos Nadadores?
Un dos moitos mapas de África que amosan o corónimo Biledulgerid: no medio, a tradución ó inglés "The Country of the Dates". (C) 1720, Herman Moll.
Na antigüidade o territorio onde se atopa o platteau de Tassili pertencía ó Biledulgerid ou "País das Palmeiras", nome árabe formado por Bilād (país) al-Jarīd (palmeira). Ocupaba toda a franxa baixo a antiga Berbería. Cremos que o nome é tradución directa do grego Phoinix, que tiña tanto o significado de "púnico" como de "palmeira", e sería lembranza do corónimo que nomeaba os territorios do antigo estado púnico de Cartago. O nome chéganos por primeira vez grazas a León o Africano (s. XVI: Descrición de África), autor que nos indica que o territorio coincidía co da antiga Numidia. Nesta hipótese etimolóxica, o etnónimo Ajjer / Adzjer dos tuareg (amazigh) do Tassili podería ser unha variante de pronuncia do árabe al-Jarīd, tradución do grego Phoinix, "púnico / palmeira". Biledulgerid equivalería ó País dos Púnicos / das Palmeiras, e non nos extrañaría moito que o mesmo al-Jarīd sexa o étimo de Alxer / Arxelia.
Se observamos o mapa ampliándoo, vemos que na zona do Atlas sinálase un río, o Ghir, que baixa ata a terceira franxa territorial (Zaara Desart = deserto do Sahara) e a través de varios lagos vai unirse ó Nilo. En realidade o río Ghir sería a cabeceira principal do río Nilo, que nacería no Atlas. Esta idea foi predominante na antigüidade, defendida por exemplo polo rei númida Iuba II, un home cultísimo. Iuba mandou exploradores ata o Atlas e cecais ata o Tassili para atopar as fontes do Nilo, e tamén para seguir o seu curso, en parte soterrado ou formando uadis (cauces secos), ata Meroë (Roller, A Guide to the Geography of Pliny the Elder). Vitrubio mesmo tamén se fixo eco desta idea, e chama ó río Agger, o que pode ser unha translación do termo ger / djir, que na lingua dos tuareg significa "río" (Vitrubio, Arquitectura II, ed. e notas de Manzanero Cano). Nesta outra hipótese, o etnónimo Ajjer / Adzjer proviría da frase en lingua tamazig a ger / a djir, "o río", e Tassili n'Ajjer significaría "Meseta do Río".
Aínda que poida parecer unha idea fantástica, non podemos descartar totalmente a hipótese de Iuba II, Plinio, e outros autores da antigüidade, que sostiñan que a cabeceira principal do río Nilo estaba na Mauritania, á vista de que no actual deserto do Sahara houbo varios paleo-ríos antes da completa desertización da zona.

No hay comentarios:
Publicar un comentario