Fragunde (A Laracha) e Freigonde (Carral) son topónimos de orixe xermánica, provintes do nome feminino Fradegundia, que tería sido a dona das terras. O antropónimo aparece con bastante frecuencia no noso corpus medieval, dende o "Fradegunda deouota" ("a devota Fradegunda", ano 898 - Cuntis) ata o "uxor mea Fradegundia" ("a miña muller Fradegundia", ano 1126 - Lourenzá). Segundo Ana Boullón Agrelo o nome está formado polas raíces xermánicas FRAD, "intelixencia, espíritu", mais GUND, "loita". O significado literal do nome propio sería aproximadamente "a do espíritu combativo" ou "a intelixente na loita". Pode deducirse que o nome sería moi acaído para unha muller guerreira ou pertencente a unha sociedade moi militarizada como a xermánica.
O lugar de Fragunde da Laracha sitúase moi preto do castro pequeno de Montes Claros, A Mota, na parroquia de Vilaño. O Freigonde de Carral coñecémolo grazas ó avó de Manuel Ruibal, o señor Pepe do Curro, que garda na súa centenaria memoria o nome do Rego de Freigonde, que pasa moi preto do castro de Herves (parroquia de Beira), e nace nunha leira chamada Freigonde (na folla catastral aínda consérvase o microtopónimo). A forma Freigonde esta moito máis próxima ó etimo, máis conservada: tras perderse o -d- intervocálico por lenición, o diptongo de *Fraegonde pecha o seu segundo formante e a iode resultante inflexiona a vogal precedente - Freigonde.
A proximidade ós castros de toponimia formada con nomes de posuidores de orixe xermánica é unha constante que chamara a atención de Nicandro Ares. Tanto Manuel Ruibal coma eu mesma preguntámonos se os primeiros asentamentos suevos en Galicia non se terían formado en torno ós castros, ben co obxectivo de dotar de continuidade ós antigos centros de poder territorial pola relevancia que tiñan para a poboación, ou ben coa intención de manter baixo control os puntos estratéxicos, como asentamentos, mananciais, recursos (lugares onde se localiza a gran maioría da toponimia formada cos nomes dos posuidores xermánicos), o que probaría que á chegada dos colonos suevos (século V) a poboación autóctona vivía aínda mormente no ámbito dos recintos fortificados da Idade do Ferro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario