Di Helena de Carlos Villamarín que a presenza lendaria do grego-troiano Teucro en Galicia é especialmente singular porque "non vén a priori dada pola existencia dun topónimo ou dun xentilicio que favoreza a súa vinculación onomástica con ningún punto concreto da terra, menos aínda con Pontevedra". Noutros casos atópase certo parecido fónico entre o nome propio do heroe e o dalgunha cidade, e desta semellanza xurden as lendas fundacionais atribuídas ós heroes que retornan trala guerra de Troia: Ulises - Ulisipo > Lisboa.
O historiador Xustino contaba que Teucro no seu nóstos ou viaxe despois de finalizada a guerra de Troia, arribou a Gallaecia e asentándose nalgures deu o seu nome ó pobo. De Carlos volta insistir cunha pregunta retórica que responde negativamente: "o misterioso genti nomen dedisse non nos aclara moito: de que gens fala?, de que nome? Hai por algures uns Teucri?" ("O misterio do nome: etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia", Estudos de Onomástica Galega VII, 2022).
Parécenos evidente que se Teucro deu o seu nome a un pobo da Gallaecia este chamaríase *Teugra, ou sexa, Tegra > Trega, que é o nome dun famoso poboado fortificado da Idade do Ferro na foz do Miño (Pontevedra). Nada impide consideralo así, aínda que despois o topónimo se cristianizase como Santa Tecla. A mención nalgún documento medieval, que non logramos localizar, a unha posible forma "Teurga", tampouco é obstáculo para vencellala á etimoloxía *Teugra, a cidade de Teucro, pois as metáteses dos son vibrantes son moi frecuentes (Teurga < Teugra).
Xustino tivo que referirse á grande cidade de Trega / Teugra, que lle soaría como o nome do célebre Teucro, e, ou ben creou nese momento a lenda fundacional etiolóxica, ou limitouse a repetir unha tradición máis antiga que vencellaba a fundación do castro e o seu nome a un dos heroes da guerra de Troia que puido ter chegado ata aquí na Idade do Bronce, por que non?
No hay comentarios:
Publicar un comentario