O castro de Penasgarfas (Vila de Cruces - Pontevedra) amósase xa moi esvaído polos traballos agrícolas, e cecais precisamente por iso non figura no inventario patrimonial do Visor PBA nin no de Aproveitamentos Forestais. Na contorna do castro atopamos o microtopónimo Deixebre, un topónimo céltico dos rematados en -bre (ou en -obre / - bra). No mesmo concello, non moi lonxe deste novo castro, os topónimos Añobre, Alcobre e Obra tamén aparecen á beira de fortificacións da Idade do Ferro situadas en pequenas elevacións, ás que probablemente fai referencia o substantivo celta bre que forma estes nomes.
Polo que respecta ó topónimo Penasgarfas, cremos que o segundo elemento do composto fai referencia ós penedos en forma de garfo ou forca.
