martes, 30 de junio de 2026

Hippodamoio: unha kenning na última palabra da Iliada

En realidade, por moito que se teña falado da primeira palabra da Iliada, a máis importante palabra dun poema épico cecais sexa a última, a que se mantén resoando na memoria do auditorio durante longo tempo. A última palabra da Iliada vai referida a Héctor, un dos personaxes principais, modelo de comportamento heroico e varonil (antes que Aquiles), no verso: "Así celebraron los funerales de Héctor, domador de caballos", hippodamoio en grego. Trátase dun epíteto homérico que se aplica ós troianos, e principalmente a Héctor, aínda que tamén ó seu enimigo Agamenón ou máis ben ó seu pai Atreo, reis de Micenas. Aquí convén suliñar que Atreo era fillo de Ἱπποδάμεια, Hippodámeia = "domadora de cabalos", polo que o epíteto semella virlle por liña materna.

Funerais de Héctor, de Liersch (s. XIX).

Lembrando o que xa temos comentado ó respecto de que o cabalo de Troia foi un barco, concretamente un hippos fenicio (v. "Un barco llamado caballo", Arqueotoponimia 2013), continuamos coa hipótese de Ruiz de Arbulo para desenvolver filoloxicamente na súa totalidade as posibilidades desta idea: "una vez planteada la posibilidad de que el caballo de Troya fuera en realidad un barco, las coincidencias se repiten. Así el hecho de que los troyanos, habitantes de la costa junto al Helesponto, sean descritos por Homero como “domadores de caballos” (hippódamoi), o la mención de los barcos como “caballos de la mar” (alòs hippoi en Od. 4, 708)" ("Los navegantes y lo sagrado. El barco de troya. Nuevos argumentos para una explicación náutica del caballo de madera", Arqueología náutica mediterránea, X. Nieto e M.A. Cau eds., 2009).

As coincidencias repítense, di Ruiz de Arbulo; é dicir, non só Homero fala dos barcos como "cabalos do mar", senón que chama a Héctor "domador de cabalos". Ruiz de Arbulo suxire que o epíteto hippodamoio tería que ver con algún termo náutico que habería que entender como "domador de barcos". Mais que é un "domador de barcos"? Aquí veñen as kennings nórdicas das sagas a botarnos unha man. As kennings son metáforas incrustadas unhas noutras, ás veces moi complicadas se se encadean máis de dous. No Kenning Lexicon veñen recollidas 189 metáforas para mariño ou navegante, 289 para mar, e 439 para barco. En moitísimas kennings as embarcacións son equiparadas a cabalos, e os mariños, polo tanto, a xinetes, guías, conductores e domadores das embarcacións = cabalos.


Eliximos esta kenning para descompoñer nos seus formantes: horse = ship (barco) e polo tanto horse tamer = seafarer (navegante, mariñeiro). O significado de tamer en inglés é "domador".


Nestoutra kenning o barco é designado como wave horse (cabalo das ondas), nunha metáfora moi semellante a homérica alòs hippoi (cabalos do mar).

Semella que o epíteto dos troianos e, en particular, cando se aplicaba a Héctor, facía alusión á súa condición de ser uns expertos navegantes, donos dun imperio marítimo no que as flotas de embarcacións terían sido o principal vehículo de locomoción destas talasocracias, como no caso nórdico e no micénico. A semellanza entre a primeira das kennings selecionadas e máis o epíteto homérico hippodamoio non parece unha simple coincidencia, pois ámbolos dous pobos estiveron moi vencellados ó mar e a súa épica responde a un fondo común indoeuropeo.

Suxerimos traducir o final da Iliada como: "Deste xeito celebraron os funerais de Héctor, o mestre das embarcacións / o navegante / o mariñeiro". Ou mellor, para non perder os termos que forman metáfora, explicar en nota que o epíteto homérico podería non ter nada que ver coa doma de équidos e si coa habilidade na navegación.

Un outro famoso "domador de cabalos" grego foi Poseidón, deus do mar. Non está de máis indicar que seguramente o mestre Poseidón non domaría cabalos de catro patas, senón embarcacións, como é de esperar dun deus mariño. Él foi o creador do primeiro cabalo, ó que chamou Skyphios. Se nos fixamos un pouquiño no termo Skyphios vemos que é un nome transparente, emparentado etimoloxicamente con esquife e ship, "barco". O primeiro cabalo que creou Poseidón era unha embarcación.

No hay comentarios: