Como xa viramos na entrada sobre Riazor, segundo don Edelmiro Bascuas tanto este topónimo como Riazó e Riazón (e as formas con seseo como Riasón) "son variantes fonéticas de un diminutivo romance *Riuaceólum, [hidrónimo derivado] del latín riuus, río" (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, pg. 152). A evolución ata a forma Riazó aparece na documentación galega medieval, e como nome dun río en polo menos dúas ocasións.
1. ano 946 (Sobrado): territorio Nave Fracte inter Mandeu et Riazolo
2. sen data (Sobrado): et inde ad rivulum de Riazoo
3. 1273 (Oseira): Dominicus Martini de Riazo
4. 1180 (Toxos Outos): hereditate de Razo in filigresia de Lees
A forma Riazón procede da fase con perda do -l- intervocálico de Riazolo > Riazóo, forma que termina por desenvolver o son nasal en posición final de Riazón.
Riazor, pola súa parte, podería provir dunha forma apocopada *Riazol > Riazor, con sustitución do son -l por -r, ó compartir ámbolos dous o mesmo punto de articulación.
A forma Riazó é a normativa para a perda do -l- intervocálico de Riazo(l)o > Riazóo > Riazó, e presenta crase das vogais, isto é fusión das mesmas nunha soa.
Agora consideramos que o topónimo Razo (Razo da Costa - Carballo) pertence á serie evolutiva de *Riuaceólum. Considerámolo o último elo da cadea de transformacións: dende a fase Riazóo, con dobre crase (oo > o, e logo ia > á, que provoca desprazamento acentual). Propoñemos a inclusión de Razo nesta familia toponímica porque, amais de ser posible foneticamente, temos comprobado que preto de Razo da Costa descorre o río de Riazón, que nace no monte Neme. O hidrónimo Riazón mailo topónimo veciño de Razo, segundo a nosa opinión, serían dous resultados evolutivos distintos procedentes do mesmo étimo *Riuaceólum.
Como curiosidade, no deslinde do IGN entre Carballo e Malpica (ano 1928) o topónimo Razo aparece escrito como "Orateo", e explicado marxinalmente como se fose un "oratorio": "Se ve desde este mojón [10º] al Noroeste las islas Sisargas y el vértice Veo y al Este el lugar de (Orateo) Oratorio". O que non deixa de ser unha etimoloxía de tipo erudito que cecais explique tamén a mención de Orazo (A Estrada) como "Sancti Petri de Oratio" nun documento do ano 1115.
No hay comentarios:
Publicar un comentario