domingo, 29 de septiembre de 2024

Homes de pedra

O experto en toponimia galega Vicente Feijoo Ares clasifica os nomes dos pedreiros chamados estantes (Serra da Queixa - cfr. Emilio Araúxo), muradellas (cairn na Pobra do Brollón), mariolas, pedregais e moledros (Portugal), homes de pedra, homes mortos (segundo Quintía Pereira) ou santos de pedra, etc. entre os nomes de pedras que teñen que ver coa actividade pastoril, e concretamente alude á súa función orientadora, ó servir como guías dos camiños. No seu traballo limítase a recoller só tres dos seus nomes, Amanzón, Mariola e Moledro, e a especificar únicamente esta función.

Mentras que a tradición de construílos ven de recuperarse sen lagoas na transmisión xeracional en Doade (Lalín - Pontevedra), en León perdeuse por completo "la tradición maragata de levantar columnitas con piedras pequeñas en los caminos de peregrinaje [...] las llamaban «hombres de piedra», pero ya no se recuerda su función" (Miguel Ángel González González, apud F. Alonso Romero en "Vestigios de cultos celtas al roble en las romerías gallegas", Anuario Brigantino, 2016).

Os estantes son construcións milenarias e importante patrimonio etnográfico, como os inukshut que construían os inuit para se orientar nas rutas de caza; o termo inuit significa "home de pedra", "de forma humana" (inuk = home, shuk =  figura, imaxe, forma). En italiano existen tamén termos que vencellan estas construcións de montaña á figura humana: ometto di pietra, omino di pietra e uomo di pietra. En Alemania chámanse steinmann. Na Irlanda, segundo Patrick Weston-Joyce, o termo fear-bréige aplícase a pedras ergueitas, ben naturais ou artificiais, que lembran o aspecto dun home (fear); noutra fonte encontramos que a forma anglizada Firbriggs alude a unha "figura humana falsa, artificial", unha morea de pedras elevada nun outeiro como sinal ou marca. Na República Checa Kamenný pastýř ou Kamenný muž significa "pastor de pedra" e "home de pedra", e ven sendo o nome dun menhir.

Estante no Curro da Mosenda. (C) "Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda" - Concello de Manzaneda.

No Báltico os kummeli suecos, construídos na costa como sinais de axuda á navegación, considerábanse figuras humanas, e así se representaban nos gravados da Historia Gentibus Septentrionalibus (1555) de Olaus Magnus, aínda que na realidade só fosen, como os nosos, acumulacións de pedras.

Dous kummeli nos promontorios da costa báltica. (C) Historia Gentibus Septentrionalibus, de Olaus Magnus.

En Galicia a interpretación popular dos estantes como antropomorfos ven probada por algúns dos nomes que acabamos de ver: home de pedra e santo de pedra. Neste sentido, a primeira mención, aínda que cunha función delimitadora que puideron ter tamén os estantes, cecais sexa a dun documento do ano 982 no que se alude a un home de pedra como termo dos límites da aldea de As Maus (Os Baños - Bande): "[...] Martino de Calidas et feret in cima de uilla ad alio laco maior per suo liniolo ubi iacit efigiem hominis sculpta in petra que testificat de laco in laco". Hai quen pensa que este home de pedra do documento do ano 982 sería a famosa estatua do guerreiro de Rubiás, mais na delimitación territorial que se fai de As Maus cadra con que o citado inmediatadamente Castro de Vemes sexa o Castro da Croa de Lobosandaus, ou ben o de Pena Maior, entre os concellos de Cadós e Os Baños, que formaría os límites polo leste de As Maus (Asmanus), mentras que polo oeste As Maus (Asmanus) tocaría con Nugariola (actual Nigueiroá) e Sordos, segundo outro documento de 1069.

Estante ou mariola, co Gêres ó fondo, no trilho de pastoreo tradicional de Pitões das Júnias (Portugal). (C) Dolores González de la Peña, 2023.

No hay comentarios: