miércoles, 25 de septiembre de 2024

Os Xarotos

 

Portela e Coto dos Jarotos. (C) Minutas cartográficas do IGN.

Entre Fornelos de Montes, A Lama e Avión sitúase o Coto dos Xarotos, moi preto do foxo do lobo de Pigarzos, nun entorno de gandeiría tradicional de alta montaña, marcado pola presenza de vellos currais para o gando, chozos de pastores, mámoas e algunha "Pedra da Letra". No Dicionario de dicionarios o termo xaroto vai aplicado a persoas hurañas, de carácter áspero, insociables. Algo semellante ocorre co asturiano xarotu ou xarouto, "torpón, atolondrado".

Pois que existe como termo específico, pódese descartar a hipótese de Paula Ballesteros, que indica que Xarotos é un fitotopónimo, derivado de xaro: "aro, planta arácea de raíz tuberculosa e feculenta ou tamén Saramal, que se podería identificar co nome común da Diploxatis catholica L., planta crucífera de flor amarela moi común entre os cascallos" ("A paisaxe gandeira na Serra do Suído", El Museo de Pontevedra, 62, 2008).

Nunha ruta de Wikiloc, Tralos pasos do lobo (2023), os seus autores, Eri e Edu, consideran que o topónimo indicaría que alí se gardaban os animais máis bravos. Aínda tendo en conta que revisaron o dicionario para cadrar bastante ben a súa explicación, temos que desbotar a proposta dos animais salvaxes, pois no Dicionario de dicionarios vese que o sustantivo aplícase exclusivamente a persoas, como en asturiano.

Polo tanto na nosa opinión o topónimo Os Xarotos máis ben contén unha micro-lenda relativa á existencia no lugar dunha pequena comunidade de homes salvaxes (huraños, esquivos, insociables); lembranza de antigas poboacións de pastores neolíticos, sempre en conflito coas novas sociedades agrarias, que se consideraban a si mesmas máis civilizadas. Estes xarotos serían como o ieti do Himalaia, críptidos lendarios, cecais vestixio de razas do pasado, cecais simples criaturas mitolóxicas, como os mouros.

No hay comentarios: