domingo, 22 de septiembre de 2024

Carros nos petróglifos do Bronce Atlántico de Galicia - a teoría de Gustavo Pascual Hermida

 

Carro no petróglifo de Conxo (á esquerda, fotografía por cortesía de Álex Negreira - Megaliticia) e algúns dos carriños nos petróglifos suecos de Frännarp (segundo ilustración de Coles, en A emerxencia das sociedades do bronce, de Kristiansen e Larsson).

Pois que non coñeciamos a "teoría dos carros" de Gustavo Pascual Hermida, identificamos de forma *independente*, e así o comentamos cos amigos no Facebook, unha representación dun carro do Bronce Atlántico Final nun petróglifo galego, o do Castriño de Conxo. As diferenzas que atopáramos entre a representación do carro no petróglifo galego e os carros dos petróglifos suecos son que os cabalos non están figurados no de Conxo e as rodas están representadas en perspectiva cenital non abatida (só se gravaron os semicírculos visibles das llantas), amáis de non estar paralelas entre si debido a que seguen, inxenuamente, a liña da caixa do carro, o que tería provocado unha dirección converxente no caso de ser un modelo real, resultando un vehículo non funcional.

Insistimos na independencia da nosa identificación porque, segundo me informou logo Pablo Sanmartín, do Colectivo A Rula, o arqueólogo Gustavo Pascual Hermida no 2011 propuxera nun detallado estudo que estas figuras triangulares que se atopan representadas non só no petróglifo de Conxo, senón noutras estacións galegas, tiñan que se considerar carros de guerra, como os das estelas extremeñas de guerreiro do Bronce Final e os dos petróglifos suecos de Frännarp; estes últimos foron os que nos serviron a nós para establecer a identidade co motivo gravado no petróglifo de Conxo. Deixo o enlace ó crucial estudo de Pascual Hermida, publicado no seu blog: "Los carros de guerra en los petroglifos del noroeste peninsular" (Más que petroglifos 15/11/2011).

Consideramos que pode ser relevante, para garantir que a identificación de Pascual Hermida é correcta, que outra persoa chegase tamén á mesma conclusión. É de salientar que, a pesar do incuestionable da achega que este investigador expuxera no 2011, aínda as figuras triangulares como a de Conxo continúan a se interpretar, incomprensiblemente, como escutiformes (ou escudos), ídolos ou estandartes. A trascendencia do achádego de Pascual permite desbotar vellas hipóteses, ter un elemento máis de xuízo para completar a integración de Galicia no complexo cultural do Bronce Atlántico, así como datar os conxuntos dos petróglifos na franxa do Bronce Final, cara o 1200 a.C. Nada menos!

Non é ata o 2022 que na bibliografía especializada se comeza a outorgarlle creto á teoría de Pascual Hermida. Falamos por exemplo dun traballo de Xurxo Pereira Martínez no que non se menciona a autoría da idea orixinal, asumendo, polo tanto, a identificación realizada por Pascual e os argumentos deste, como se fosen propios: "Las representaciones de armamento en el noroeste peninsular. (Re)visitando el yacimiento de Agua da laxe (Pontevedra, Galicia)" (conferencia de decembro de 2022 no simposio Romper Fronteiras, Atravessar Territórios). E de feito na obra de 2024 Bronze Age rock art in Iberia and Scandinavia (Ling, Díaz-Guardamino, Koch, Horn, Stos-Gale e Grahn) nin se mencionan os carros dos petróglifos galegos, realizándose a comparativa entre a iconografía guerreira do arte rupestre escandinavo e o da Península Ibérica, respecto dos carros, só tendo en conta os carros das estelas de guerreiro do Bronce Final do suroeste peninsular.

A teoría de Pascual Hermida sobre os carros nos petróglifos galaicos é, amáis de correcta, tan atractiva que incita os plaxiarios desta sociedade, cada vez máis narcisista. E como sobre plaxio e plaxiarios temos algunha experiencia... lembramos que é obriga do investigador, antes de presentar á comunidade científica unha idea que cre orixinal, comprobar se alguén a formulou con anterioridade, e así facelo constar.

No hay comentarios: