Dicionario Xeográfico de Tomás López, provincia da Coruña.
Respecto do nome Fonforrón dunha cova mariña do Porto do Son, Fernando Cabeza Quiles teno explicado acertadamente como de orixe onomatopeica, pois intentaría reflectir na súa fonética o son dos embates do mar na cova (baseándose evidentemente no xogo fónico de duplicación de sílabas formadas por sons fricativos e vogais velares: fou-fou). Neste texto de finais do século XVIII, tirado do Diccionario Geográfico de Tomás López, fálase do ruído que produce, non o mar, senón o ar na devandita furna, cuxo nome transcriben como Folfourón, e amais estabelecen un interesante paralelismo co Orzán coruñés: "cuyo bramido que forma el aire en dicha caverna cuando siente el vendaval se oye de tres y más leguas, así como el Orzán en La Coruña". A sintaxe, de ser correcta, dá a entender que Orzán é un ruído ou bramido producido polo vento (por un temporal, un ruído mariño), é dicir, habería que entender que "o ruído do Orzán na Coruña tamén se escoita dende tres e máis légoas". Tamén cabería entender o texto supoñendo unha sintaxe impropia, na que o autor quería indicar que "os ruídos do Fonforrón escoitábanse de tres légoas o máis, así como no Orzán da Coruña".
En calquera caso, o texto liga directamente os sons mariños ós topónimos Fonforrón e Orzán, polo que pensamos que ambos poderían ter xurdido de tentativas de representacións onomatopeicas destes. Eu que escoito a cotío o Orzán coruñés, dou fe de que no inverno urra continuamente; agora mesmo coas ventás abertas e sen temporal escóitase bruar ben. A base onomatopeica de Orzán teríase formado na antigüidade ó redor dun xogo fónico entre unha vogal velar máis consoante vibrante r, fusión da que xurden termos tamén de base onomatopeica como urrar, "bramar o gando", urro / urrido, "bramido"; sons da lingua que tentan reproducir sons da natureza. Supomos pois un *(Mare) Urritiano / Orritiano, cunha fonética que tenta imitar os bramidos ou urridos mariños. Nos dicionarios de Eladio Rodríguez e Franco Grande, de feito, urro ven cunha segunda acepción específica para designar o "bramido do huracán e do mar". Orzz... escóitase a onda de escuma fervendo nas rochas da costa?
Pola aparente semellanza coa nosa proposta analizamos a de Uxío Carré Aldao: "quieren algunos se derive, siguiendo la idea de que la toponimia de la península es en su mayor parte de origen vasco, de orts-azants, nube y ruido" ("Del solar coruñés. Tradiciones y leyendas. ¿La Atlántida?", BRAG, nº 235-240, 1931). Tal e como está enunciada, nós non vemos posibilidade algunha de soster que o autor estivese pensando nunha orixe onomatopeica do sustantivo euskera azantz, "ruído" (cfr. ortzantz na web da Euskaltzaindia). Fala de ruídos, iso si, pero non dice en ningún momento que a palabra Orzán que os expresa sexa un intento de reflectir fonéticamente eses sons. Descartamos porén que Carré tivese formulado unha orixe onomatopeica do topónimo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario