miércoles, 18 de septiembre de 2024

Kurgáns de Kazakhistán nun mapa do xeógrafo ruso Semyon Remezov (s. XVII)

Na película Dersú Uzalá (1975), de Akira Kurosawa, nárrase como o explorador Vladímir Arséniev é acompañado na misión de cartografar a rexión siberiana de Sijoté-Alín, a principios do século XIX, polo seu equipo de cartógrafos e topógrafos, ó que se incorpora o nativo hezhen Dersú Uzalá en calidade de guía. Neste sentido o filme reflicte moi ben o que tivo que ser a pauta xeral de traballo dos xeógrafos imperiais na súa labor de cartografar para o zar o vastísimo territorio que se iría incorporando ó seu proxecto colonial. Para se facer unha idea deste labor descomunal, polo inconmensurable do territorio siberiano, convén botar unha ollada ó antigo caderno de mapas de Siberia do xeógrafo ruso Semyon Remezov (1642-1720): o Khorograficheskaya kniga de Siberia, ou Caderno Corográfico.

Arséniev con Dersú Uzalá durante a súa exploración siberiana (1906 - fonte: Wikipedia).

Semyon Remezov foi o primeiro en cartografar Siberia por completo, a finais do século XVII.  O nivel de detalle dos seus mapas implica necesariamente que tería dividido o traballo de campo, de exploración do terreo, entre un equipo de axudantes con coñecementos cartográficos e xeográficos, os que lle irían remitindo a Tobolsk mapas esquemáticos, notas e observacións que despois Remezov tería integrado no seu caderno, que se supón que foi a base da que se serviu para facer os traballos de maior envergadura. Non descartamos que el mesmo tivese participado nalgunha expedición, mais resulta evidente que só non puido percorrer o inmenso territorio siberiano.

Dun xeito semellante, aínda que máis groseiro, procedeu Tomás López un século despois. O seu proxecto do Dicionario Xeográfico de España fracasou por partir dunha idea absurda que non atendía os modernos métodos da cartografía, xa plenamente desenvolta a finais do século XVIII. López pretendera facer un mapa corográfico do reino xuntando os bosquexos que lle remitían os seus informantes, selecionados ó azar entre curas parroquiais e persoeiros dos distintos lugares. O proxecto quedou inconcluso por carecer de método e, sobre todo, de formación específica os axudantes do seu equipo. Aínda que nalgún caso conteñan información curiosa ou valiosa, os informes manuscritos, e os mapas sen escala e de moi distinta calidade que se lle remitiron, gárdanse arquivados sen moito orde en cadansúa carpeta provincial, collendo po na Biblioteca Nacional.

No traballo de Remezov, se seguimos o curso dos principais ríos, que é o sistema organizativo da cartografía tradicional rusa, vanse indicando mediante símbolos, debuxos e texto os asentamentos rusos, as iurtas nativas, bosques, tundra, camiños, minas, etc. Segundo Erika Monahan nos 13 folios que integran o mapa do curso do río Tobol cecais se terían sinalado os kurgáns, pois aparecen "mounds, perhaps burials of past civilizations" ("Binding Siberia. Semen Remezov's Khorograficheskaia Kniga in Time and through Time", 2021). Nós temos revisado eses 13 mapas (folios 12 a 24 da edición dixitalizada pola Universidade de Harvard) e non atopamos evidencia deses túmulos que poderían ter sido kurgáns, dos que fala Monahan.

Pero Remezov non nos defrauda ó nivel dos detalles que fornece. No seu caderno hai kurgáns. E aínda que non empregue este termo para referirse a eles, defínense perfectamente no texto, e amais ilústranse cun debuxo. Temos identificado os únicos túmulos funerarios que aparecen no caderno de Remezov na zona do lago Zaysan (fol. 98), ó sur do mesmo, en Tarbagatay.

Túmulo de ósos e calaveiras baixo o lago Zaysan. Caderno de Remezov, fol. 98. (C) Harvard University.

O noso asesor na lingua rusa, Luís Torres, indícanos que sobre o túmulo formado polos ósos e as calaveiras lese "TARBAGATAY Тарбагатай - cheo de moitas много pedras камни e ósos кости". Baixo o debuxo dos ósos e as calaveiras nós lemos xustamente кости = ósos.

As montañas de Tarbagatay son unha rexión de Kazakhistán cunha grande acumulación de kurgáns, por ser un lugar de paso das tribus escitas Saka. A maior concentración de túmulos de gran tamaño asociados á cultura dos nómadas Saka (séculos VIII-VI a.C.) atópase no val Chiliktin ou Shilikty, sitio de Baygetöbe.

Excavación do kurgán de Baygetöbe tralo desmonte parcial do túmulo de terra. No centro, o núcleo da coiraza pétrea que cubre a cámara.

Nun resumo das excavacións realizadas no gran túmulo de Baygetöbe, duns 100 metros de diámetro e 8 de altura, podemos ver que estaba formado por unha grosa capa de terra seguida doutra de pedra, baixo a que se albergaba a cámara funeraria construída en madeira (Muzafer Gürsoy: "Shilikti Baigetöbe kurgan  located in Tarbagatay slope (eastern Kazakhstan)", International Journal of Turkish Literature Culture Education, 2012, pp. 40-54). Os arqueólogos, trala retirada da primeira capa de terra, atoparon ósos de animais espallados sobre as pedras, polo que deducen que se tería realizado un sacrificio de animais ou un banquete funerario, e que logo se depositaron os ósos sobre as pedras que cubrían a cámara. No traballo de Gürsoy tamén se especifica que a construción deste kurgán de Baygetöbe tivo que excutarse en varios momentos, ó longo de moito tempo.

A descrición do kurgán de Baygetöbe (ou algún outro semellante) que ven no caderno de Remezov cadra mellor coa dun túmulo aínda non cuberto de terra, só coa capa de pedras directamente sobre a cámara e co depósito funerario dos ósos espallados polo cairn. Isto avalaría a suposición dos investigadores de que estes túmulos se terían formado ó longo do tempo, en varios momentos construtivos, sendo posible que aló polos anos 1690-1700 os primeiros exploradores rusos da Siberia visen algúns destes monumentos aínda non rematados coa cubrición de terra.

No hay comentarios: