domingo, 15 de febrero de 2026

Calzada de la Guinea / Quinea

As estructuras viarias da calzada romana de Quinea, que se cita no Poema do Cid, e da calzada de Guinea (hoxe Vía de la Plata), que formaba a fronteira entre o reino de León e de Castela na Extremadura leonesa, utilizáronse como fronteiras entre reinos. Seguramente o motivo da elección das calzadas como marcas territoriais foi por estar construídas sobre plataformas sobreelevadas na paisaxe, moi visibles por acadaren unha certa altura e anchura. Amais daquela terían perdido prácticamente a súa función de vías de comunicación militar.

No Poema do Cid vese nos versos do desterro cando este se vai achegando ó límite de Castela: "passo por Alcobiella, que de Castiella fin es ya. La calçada de Quinea yva la tras passar". O protagonista adéntrase en terra de mouros, chega ós confins de Castela e vai pasar a calzada de Quinea, a última fronteira, un punto de non retorno. O mesmo sucede no caso extremeño: "terminus qui concluditur inter flumen Xerit [Jerte] et riuum Vernelium et calciatam de Guinea qui est in regno Legionis, populari non debet sed remaneat in regno Legionis" (ano 1194).

Con este feito de se utilizar como fronteiras ámbalas dúas antigas vías romanas chamadas na Idade Media de Quinea ou Guinea imos propor un novo étimo para explicar o odónimo, que ata o de agora se remitía a un posible *Via Equinea, ou camiño para cabalos; proposta un tanto extraña pois polas calzadas romanas circulaban carros, bestas e peóns, e tiñan un ancho maior que os camiños de ferradura (para bestas).

A nosa proposta parte do latín lacinia, "franxa que percorre e decora o borde da roupa", mormente das togas romanas, mais metafóricamente puido aplicarse ó borde ou fronteira dun territorio. Na forma lacinia = "borde, fronteira, limes, raia territorial", se tería interpretado o segmento inicial la- como artigo feminino, orixinando as formas La Guinea ou La Quinea, con sonorización ou conservación do son oclusivo velar xordo.

Temos en conta tamén que na Lex Salica e na Lex Ripuaria se atopa a expresión "Via Lacina" ou "Via Lacinia", como unha vía de comunicación que foi cortada ou obstaculizada dalgún xeito para impedir o desprazamento por ela. No Glosario de Du Cange neste sentido é considerado un xermanismo: v. lacina. Cecais fora unha técnica militar empregada para impedir o desprazamento das tropas polo territorio en tempos de guerra. Mais ó noso xuízo esta posibilidade non aclara por que as dúas calzadas de Quinea / Guinea peninsulares foron fronteiras territoriais.

No hay comentarios: