A toponimia do tipo Mogo ou Mogos provén da frase latina "(in) medio loco", que non ten como referente a un paisano que estivese medio tolo (como o primum locum que tiña César en Cospeito), senón que indica o espazo central dun territorio.
Facendo unha pesquisa na base de datos Toponimia de Galicia saen por exemplo: Val de Mogo en Portocamba (Castrelo do Val - Ourense), A Portela dos Mogos en Casdenodres (A Veiga - Ourense), Camiño e Fonte dos Mogos en Paredes (Montederramo - Ourense, xa mencionada nun documento do ano 1240 como "Fonte de Moogos" - CODOLGA), Fondemogos en Pedrafita (A Teixeira - Ourense), Mogos en Pradocabalos (Viana do Bolo - Ourense), Casal de Mogos en Catoira (Pontevedra), Monte de Mogos en Moaña (Pontevedra), Montemogos en Beluso (Bueu - Pontevedra), Val de Mogos en Estraxiz (Samos - Lugo), Fonte do Mogo en Romelle (Samos - Lugo), Mogos en San Xurxo de Lourenzá (Lugo), Mogos en Lemaio (A Laracha - Coruña), Mogos en Brión (A Coruña), Mogos en Sorribas (Rois - A Coruña) ou Mogos en Arca (O Pino - A Coruña).
A forma etimolóxica atópase nun documento de Camanzo do ano 1203 "nostram hereditatem de Ligoa que iacet in monte Cusanka sub heremite de Medio Loco".
No Dicionario de dicionarios do galego medieval vemos que en 1977 Ramón Lorenzo xa recollera as formas medievais meyogoo, meogo e meogoo, resultantes da caída do -l- intervocálico de medioloco, sonorización do son [k] intervocálico e evolución do grupo d+iode > iode e posterior caída deste son en posición intervocálica.
O seu senso como locución adverbial operativa no léxico común medieval ven garantido por frases como: "in meogum de agros" (1240); "no meogo da carta envyou ensarrada essa carta del Rey" (1261); "en meogo do ſſeelo, ṽua figura de frol" (1302); "enmeogo da herdade de Oya" (1306); "no Meogo entre anbas estas leiras" (1365) - cfr. Corpus Xelmírez e base de datos do CODOLGA.
Dona Carolina de Michaëlis (Fragmentos etymologicos colligidos, 1894) tiña estudado a etimoloxía destas formas comparándoas co francés milieu, provenzal miec luoc, italiano miluogo, rumano mijloc, que lle serven para acreditar no étimo IN MEDIO LOCO que propuxera Julius Cornu (Grammatica portugueza), aínda que ela o modifica lixeiramente, *MEDIO LOCULO, preferindo a innecesaria forma en diminutivo.
Nós atopamos en Cerdeña o topónimo Meilogu, cuxa etimoloxía remite tamén a medium locum, e parécenos que estes lugares centrais, situados no medio dun territorio, ou entre dúas entidades territoriais, son susceptibles de se considerar puntos sacros da xeografía, capaces de albergar no seu espazo construcións tipo santuario (o cromeleque da Portela de Mogos, ou a "heremita de Medio Loco"). Na nosa opinión a toponimia céltica do tipo Mélec (Nomélec e Plumélec en Morbihan e Lanvellec en Côtes-du-Nord) podería analizarse baixo esta perspectiva de seren lugares centrais, latín medium locum, non formados a partires do nome dun santo (Coromines fornece a forma meiloc < medium locum para o occitano arcaico, tan semellante ó antropónimo de orixe celta Mailoc).
O dito ata aquí respecto da palabra medieval meogo, que orixina a toponimia Mogo / Mogos, afecta á etimoloxía do antropónimo masculino Meogo, bastante frecuente na Idade Media, e que sempre se considerou provinte do latín monachum, "monxe" (Boullón Agrelo, Antroponimia medieval galega, 2014). Só Souto Cabo atopara reparos na etimoloxía consensuada: "do nosso ponto de vista, trata-se de uma forma conservadora derivada de MEDIO + LOCO > Meoógo > Meógo / Moógo, "o que está no meio", que observamos ocasionalmente na documentação do período" ("En Santiago, seend’ albergado en mia pousada. Nótulas trovadorescas compostelanas", Verba, 2012). Mais, en que senso chega a aplicarse a un home esta designación? Souto Cabo non o explica. Senón foi por ser un apelido de orixe toponímica, cecais orixinariamente os irmáns medianos poderían ter recibido o nome como alcume, ou ben cecais se trataría de persoeiros que ocupaban unha posición destacada e central na comunidade, ou liminal e marxinal (nin aquí nin acolá), o que achegaría o nome á categoría de título ou marcador categorial?
No hay comentarios:
Publicar un comentario