No concello de Oroso e próximo ó límite entre os tres termos municipais do Pino, Oroso e Santiago de Compostela localízase o castro inventariado no PBA chamado A Medorra do Castro, poboado fortificado que se extendía en forma de antecastro ata o punto denominado Castrosoiro, sector que ía delimitado por un foxo aínda perceptible denominado Barreiras (cfr. microtopónimo na folla catastral).
O topónimo Castrosoiro non pode explicarse como un derivado de castro mediante a improbable secuencia de morfemas derivativos *-osorio, senón como unha forma composta de castro máis o antropónimo Osoiro, variante de Osorio, á súa vez, variante por metátese r-s > s-r do nome propio Orosio (ou viceversa). Ó que parece, temos atopado a orixe do nome do concello de Oroso no microtopónimo castrexo Castrosoiro, sendo unha destas dúas formas variante por metátese respecto da outra. Pode desbotarse, polo tanto, a proposta que considera Oroso un fitotopónimo provinte do latín he(d)erosus, derivado de hedera, "hedra".
A documentación máis antiga do topónimo Oroso presenta formas como "eroso" ou "heeroso", que aparentemente cadran coa etimoloxía hederosus, mais se explican polo carácter átono do primeiro o de *Orosio < Osorio, en contacto coa preposición de, e o h- inicial pola recorrente intención etimoloxizante dos escribáns medievais.
"feliglisia sancti martini de eroso" (ano 1214)
"sancti Martini de Heeroso" (ano 1291)
"Herosso de Çima e de Fondo na frigresía de san Martino de Herosso" (ano 1402)
Edelmiro Bascuas apuntara que as formas como a que atopamos no topónimo Castrosoiro, con metátese do i (Osoirio, ano 960) e Osoyro (ano 1009) tiñan unha certa presenza no galego antigo, e amais engadía que á vista da enorme difusión do nome Osorio en Galicia e Portugal podía darse por segura a súa orixe autóctona (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, punto 186). Pola súa parte Leite de Vasconcellos xa sinalara a máis que posible relación entre os antropónimos Orosius e Osorius, considerando a este segundo como provinte do primeiro (Boullón Agrelo, Antroponimia medieval galega, 2014). Nós pensamos que é xustamente ó revés, posto que o antropónimo Osorio é abundantísimo na nosa documentación, mentras que o nome de Orosio apenas aparece dúas veces. Así, o nome do famoso historiador galaico do século IV, Paulo Orosio, ben podía ser un temprano caso de metátese dende a forma Osorio.
Respecto da discutida etimoloxía do antropónimo Osorio, Bascuas propón o tema ukwsō, da raíz hidronímica *wegw, "húmido", co que estarían ligados os substantivos indoeuropeos *ukwsen, "touro, semental", avéstico uxan, "touro / boi", *ukwsōr, "a mollada, a rosada" > latín uxor, "esposa". Entre os termos derivados deste tema que significan touro ou boi: galés ych, bretón ouhen, antigo islandés oxi, uxi, antigo inglés oxa, inglés ox, tocario B okso, etc. (Gamkrelidze e Ivanov: Indo-European and the Indo-Europeans. A Reconstruction and Historical Analysis of a Proto-Language and a Proto-Culture, 1995).
Seguindo a proposta etimolóxica de Bascuas, na nosa opinión o nome de Osoiro como segundo formante do microtopónimo Castrosoiro non sería aínda o antropónimo, senón un adxectivo que estaría a indicar que o antecastro do castro da Medorra estaba destinado a recinto gandeiro (Castrosoiro = "castro dos bois"). Como antropónimo xurdiría do vencello coa posesión e coidado do gando, significando probablemente "torero, boyero", e non "forte como un touro" (Bascuas, op. cit, punto 188.4).
No hay comentarios:
Publicar un comentario