Fig. 1. Límite parroquial entre Santa Mariña de Lesa e Santa María de Ois (Coirós) sinalado coa liña amarela.
Como se pode ver na cartografía (p. ex. no Visor PBA activando a folla catastral), e xa tiñan explicado Fernández Abella, Trevín, Blanco Patiño et al. ("Unha mirada retrospectiva a Pena Furada", Anuario Brigantino 2022), o lugar exacto onde se atopa o petróglifo da chamada Moura de Pena Furada (Santa Mariña de Lesa - Coirós) non se chama Pena Furada, senón As Colmeas e Penedos do Seixo, nome este último que alude ó afloramento rochoso no que, segundo o seu descubridor o arqueólogo Antón Malde, habería vestixios dun santuario prerromano adicado á deusa Navia: entre outros o famoso petróglifo da Moura amosando os seus xenitais, e máis unha pía, cecais para sacrificios ou ofrendas.
O lugar de Pena Furada pertence, pois, sen dúbida, á parroquia contigua, Santa María de Ois, e non ten que ver coa Moura. O límite parroquial entre Santa Mariña de Lesa e Santa María de Ois discorre polos Penedos do Seixo, onde se atopa o petróglifo da Moura e máis algún petróglifo cruciforme de termo. Entre os lugares que se mencionaban no Catastro de Ensenada (meados do século XVIII) na liña de límite dende Ameixoada a Ponte das Moas, identificables hoxe con seguridade (v. Fig. 1), encontramos un cun nome que pode explicarse pola existencia do petróglifo da Moura: "y sigue a los [marcos] que llaman da Ameijuada, Pía do Consello, A Pena do Pau, nominada Arca de Doña Sancha, desde la cual baja derecho al Arroio das Coles, y al Puente das Moas" (Catastro de Ensenada, Santa Mariña de Lesa - Coirós).
O microtopónimo Arca de Doña Sancha cadra pola súa situación coa ubicación do xacemento, e podería ser o antigo nome dos penedos, por terse gravado neles o petróglifo da Moura. Neste sentido parécenos que a etimoloxía da frase nominal "Doña Sancha" provén da frase baixolatina domina sanctia, que sería variante do título domina sancta (santa señora) que levou, entre outras, a deusa ctónica lusitana Ataegina, asemellada á romana Proserpina. Así pois, "Doña Sancha" non sería unha muller propietaria do eido, senón o título dunha importante divindade feminina, perpetuado durante dous milenios. Cecais a deusa Navia, como pensaba Malde.
A Moura dos Penedos do Seixo (AKA Pena Furada). (C) A. Galíndez, 2011.
A figura da muller gravada na pedra, segundo Malde, xa era coñecida na zona como A Moura. Seguindo a nosa proposta etimolóxica (Doña Sancha < domina sancta = epíteto da deusa) só cabe concluír que a figura mitolóxica da Moura galaica é un avatar dunha antiga divindade feminina prerromana.
Outras propostas interpretativas da Moura de Coirós:
Rosa Brañas considera á Moura de Coirós unha deusa prerromana da sexualidade e a fecundidade: "Navia. La gran diosa galaica", en Memoria del Agua, 2021.
Fernando Alonso Romero considera á Moura unha representación medieval de carácter apotropaico, en liña coas Sheela-na-gig irlandesas: "La figura de mujer del petroglifo de Pena Furada (Figueiras, Santa Mariña de Lesa, Coirós, A Coruña)", Anuario Brigantino 2004.
No hay comentarios:
Publicar un comentario