Na descrición dunha representación da "comedia da cabra" recollida por Nicolai Yevreynov en 1915 en Bielorrusia vese como os actores populares rusos chamados skomorokhi terían representado a obra. O asunto da cabra nesta peza vai estar estreitamente relacionado coa presenza de cabras na traxedia grega, e coa propia etimoloxía de "traxedia", que ven do grego tragos = "cabra".
Non hai posibilidade algunha de sublimar a orixe da arte dramática europea, da traxedia, como se tentou facer en milleiros e milleiros de traballos que procuraron explicar a presenza da palabra tragos = "cabra" no substantivo que designa as obras dramáticas coas que naceu o teatro clásico. Algunhas das opinións dos investigadores e sabios que se ocuparon deste asunto, como Aristóteles (resúltame arrepiante ter que refutalo), son que as cabras na traxedia se explican como: sacrificios ou ofrendas rituais, chivos expiatorios, premios ós intérpretes ou rapsodas, animais consagrados ós deuses, animais relacionados coas figuras mitolóxicas dos sátiros do culto dionisíaco...
Burkert pregúntase espantado cómo é posible que no termo traxedia se atope "una palabra a través de la cual asoma el hocico de la bestia en el desarrollo de una cultura humana elevada, y lo primitivo y lo grotesco afloran en medio de la creación más sublime" ("La tragedia griega y los ritos de sacrificio", El origen salvaje, 2011).
Pero non queda máis remedio que atopar a orixe da traxedia nestas funcións ben simples, populares, de can de palleiro. Velaí a orixe da literatura europea na descrición de Yevreynov (sinalamos entre corchetes a correspondente función na traxedia clásica):
"No centro da procesión vai un home maior chamado O Avó, cun bastón na man [Sileno coa súa férula]. Conduce unha cabra. Ó final vai un rapaz cuberto cunha pel de cabra [sátiro], e leva unha máscara de bidueiro que representa a cabeza dunha cabra. Os cornos están feitos de palla e a barba de liño. As outras personaxes son uns ciganos representados por mozas con roupas de homes, coas facianas emborralladas de cinza [coro]. Van en compañía de cantores e músicos [coro]. A esenza da obra é a morte repentina da cabra e a súa resurreción. Cando a cabra cae morta no chan o coro indícalle ó Avó que presione a vena da cabra, o órgano da copulación. O Avó faino e entón a cabra érguese e comeza a danzar. O público ri" (apud Taruskin, Stravinsky and the Russian Traditions, 2020). Simple e eficaz.
Variante da función da cabra fotografada en Madrid no ano 1958 para un artigo da revista
Sábado Gráfico, relativo ós circos húngaros. A cabra sube a escaleira e queda en equilibrio "para asombro dos pequenos".
Así pois, destas funcións ou obriñas nas que aparecía mormente unha cabra como protagonista dalgún argumento procaz, inverosímil e sobre todo humorístico, acompañada dun coro de travestidos como o animal (sátiros), xurdiú a traxedia clásica grega, levando o nome orixinario que tiveron as primeiras representacións populares (tragoedia = "a función da cabra", logo por antonomasia "a función teatral"). Pero a traxedia clásica máis antiga nunca esqueceu o seu humilde berce, non só se ve na adopción do mesmo nome, que non é doado de explicar se non se ten en conta a súa orixe popular nas obriñas aludidas; a trazabilidade dunha a outra vese tamén na permanencia na traxedia antiga dos personaxes dos sátiros, que lembraban ós espectadores que realmente estaban a disfrutar dunha típica "función da cabra", iso si, bastante máis elaborada que o seu precedente popular, pero "función da cabra" a fin de contas. Da primeira traxedia, que se atribúe a Tespis, sábese que o seu coro aínda estaba formado por sátiros.
A cabra vai morder a man dun neno, que é protexido pola nai. Representación da función da
Capra polo grupo folklórico "Florilei Bucovinei", de Rădăuţi (Rumanía), no 2013.
Outra versión destas micro-obras teatrais populares na que a
dramatis personae principal é unha cabra é a función da
Capra, que se representa en Rumanía, Ucraína ou Rusia. A máscara de madeira ten unha mandíbula articulada que se pode abrir e pechar, simulando unha cabra que morde á xente que asiste á representación. O argumento é imposible que sexa máis minimalista (a cabra sube unha escaleira, a cabra morde á xente, a cabra morre e resucita). A máscara vai adornada con cornos e barba de cabra, guirlandas e colares e adoita ir cunha compañía composta duns seis xovens que danzan ó seu redor, parte deles vestidos con uniformes militares (comezou a usarse o uniforme despois da Segunda Guerra Mundial), parte con traxes tradicionais do país. Os investigadores non paran quietos na procura de interpretacións rituais, e así para Alin Rus trataríase dun rito de paso no que participan os xovens antes de se incorporar ó servicio militar ("Play of the goat", en
The Globalization of Rural Plays in Twenty-First Century, 2022).
Refutacións - Aparato crítico
Segundo Aristóteles (Poética - 1449 a 20) a traxedia procedería ek satyrikû, o que se ven interpretando como que a traxedia tiña o seu inmediato antecedente no "drama satírico", é dicir, nunhas pequenas comedias protagonizadas por sátiros (figuras mitolóxicas en parte humanas con atributos de cabra). Mais esta afirmación non resposta a pregunta, porque supón colocar a pelota noutro tellado: e de onde procede o drama satírico? O drama satírico grego daquela era xa un xénero dramático moi elaborado, probablemente procedente á súa vez das obriñas populares que vimos denominando "funcións da cabra"; dubidamos de que o filósofo estivese pensando nelas cando aseveraba que a traxedia procedía ek satyrikû. Amais, segundo amosou Bommer, o drama satírico non foi ningunha forma primitiva da traxedia, senón unha innovación posterior (apud Burkert, ib., px. 23). A hipótese aristotélica, se ben incorrecta, é moi atinada ó expor por vez primeira a idea da transformación dos xéneros literarios, o parentesco xenético polo que uns son a orixe doutros, formando o método a empregar nestas investigacións.
Aproveitamos para notar a masiva presenza caprina no teatro grego clásico, tanto de sátiros (no drama satírico e nos primitivos coros das traxedias) como de cabras (na palabra trago-edia > traxedia), pois os dramas satíricos intercalábanse entre as traxedias no momento da representación, como os entremeses, moxigangas e zarabandas nas comedias do teatro dos Séculos de Ouro.
Máis difícil é, aínda, soster que o tíaso dionisiaco, o séquito que acompañaba ó deus Dioniso, estaba composto por sátiros, para logo derivar deste culto ó deus (cos seus sátiros) a orixe da traxedia e do drama satírico. Nos vasos corintios máis antigos que representan o séquito de Dioniso aparecen na comitiva grotescos danzantes cun gran bandullo, non sátiros (Burkert, ib., px. 25). A sustitución dos danzantes por sátiros foi, polo tanto, posterior ó século VI a.C., e cremos que se debeu ó éxito que supuxo a creación dos dramas satíricos.
Chegamos a hipótese do sacrificio dun macho cabrío, que para Burkert é a mesma que a de premiar co animal ó intérprete ou ó rapsoda (o creador da peza). Non lle vemos a lóxica á equivalencia que presenta: "la única explicación del nombre tragedia que era corriente en la antigüedad, "canto por el premio de un macho cabrío" o "canto que acompañaba el sacrificio de un macho cabrío"; en el fondo las dos interpretaciones son idénticas, pues era natural que el macho cabrío obtenido como premio fuera sacrificado a Dioniso" (Burkert, ib., px. 31). Na nosa opinión, as dúas interpretacións do termo tragoedia, que xa proveñen da antigüidade, non deixan de ser interpretacións, antigas etimoloxías ou explicacións que non teñen por que ser certas, como tampouco é correcta a equivalencia entrámbalas dúas que propón o investigador.
Unha das fontes nas que se basea Burkert para tomar partido pola hipótese de que o termo tragoedia significaba "canto que acompañaba ó sacrificio dun macho cabrío" é a elexía de Eratóstenes, Erígone, na que o autor fornecía unha explicación en forma de lenda etiolóxica, baseada nun mito local de Icaria, sobre a orixe da traxedia (?) no sacrificio dun macho cabrío, si, mais cunha sorpresa final que Burkert non se esperaría. En Erígone, obra perdida mais co seu argumento conservado na Astronomía de Higino, uns campesiños son visitados por Dioniso, que lles revela o segredo do cultivo da vide. Logo da visita do deus, Icario planta e coida do seu bacelar; todo vai ben ata que un macho cabrío pisotea as plantas, polo que Icario lle dá morte e invita ós veciños a un banquete, no transcurso do cal danzan ó redor do macho cabrío morto, ou mellor, do seu pelexo inchado de ar, coma un fol. Nesta lenda etiolóxica vese, non a orixe da traxedia, senón a orixe do que vimos chamando a "función da cabra" (coa súa morte e resurrección), que á súa vez é a orixe da traxedia grega.
Como indica Jordi Pàmias "la secuencia ritual del primitivo sacrificio del macho cabrío incluía [...] la restauración de su figura mediante el relleno de su piel. A través de esta práctica ritual,
cuyos orígenes se remontan a antiquísimos pueblos cazadores, queda garantizada la "resurrección" de la víctima, puesto que el animal recupera, simbólicamente su forma prístina" ("
Eratóstenes contra Aristóteles: los orígenes rituales de la tragedia",
Kernos, 2001).
Dende as sociedades de cazadores recolectores ó culto a Dioniso; a superposición de relixións explicaría o vencello ó novo deus, aínda que o rito da "función da cabra", co seu espectáculo de danza, música e representación dramática embrionaria vise de épocas remotísimas nas que as dramatizacións dos chamáns crearon o primeiro espectáculo escénico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario