sábado, 27 de diciembre de 2025

Etimoloxía de bacallao, capellá e badexo

A opinión máis extendida é que a palabra bacallao provén do vasco bakailao, que á súa vez sería préstamo do neerlandés antigo bakeljauw, variante por metátese silábica de kabeljauw. E non se di máis nada da orixe deste kabeljauw holandés. Porén, como sinalara Coromines (sub BACALAO), o grupo -lj- de kabeljauw dificilmente explicaríase nunha palabra xermánica xenuina, e suxire unha orixe romance. Esa palabra románica ou latina é, na nosa opinión, capellanum ou capellanus. O naturalista Conrad Gessner no século XVI (Historiae animalium) proporcionara numerosas variantes na escrita do xénero de peixes que nomeaba como capellanum piscem ("cappellani piscis vulgo dicti figura") equivalente do codfish inglés, ou sexa, do bacallao, e do stockfish ou peixe secado ó ar.


O nome de capellán consérvase no valenciano para designar ó peixe chamado tamén lirio ou bacaladilla "el capellà és el bacallaret sec que es sol secar a la mateixa barca". Algunha conexión tiveron estes peixes secos co clero, pois a mesma analoxía está presente no nome doutro peixe da familia dos gádidos, o badexo ou abadexo, palabra construída cun diminutivo despectivo dende o latín abatem, "abade", e que no castelán foi empregada como sinónimo de bacallao. Cecais a folla do peixe posta no secadeiro lembraba a túnica dun capelán ou abade pois, como sinalara Gessner, "cappellani piscis vulgo dicti figura" = son chamados peixes capelán polo pobo, pola súa figura.
Debuxo dun secadeiro de bacallao (revista Arquivo Nacional, 434, 1940).

Exposta esta etimoloxía, no avatar evolutivo de cappellanum a bacallao quédanos por explicar a evidente nasalización final que presentan as formas do occitano cabilhau, vasco bakailao, e holandés kabeljauw, e que ten que ser de orixe galego-portuguesa. Non queda outra!

No hay comentarios: