Con frecuencia obsérvase unha identificación incorrecta da toponimia rematada en -briga, ofrecéndosenos como topónimos representativos desta categoría o que son, no mellor dos casos, realmente topónimos rematados en -bris máis sufixo derivativo -ico. A continuación resumimos a entrada que, sobre este asunto, publicáramos fai vinte anos na web Celtiberia.net.
O erro de identificación podería carecer de consecuencias se se admite a equivalencia bris (<*brix) = briga, que propuxera Moralejo Lasso. Aínda así convén sinalar qué forma (bris ou briga) é a que se identifica na documentación e na epigrafía, co obxectivo de establecer as correspondentes áreas de dispersión.
Imaxe procedente do Diccionario toponímico y etnográfico de Hispania antigua onde se observa a inclusión dalgúns topónimos en -briga (Veigebriga) que analizamos no punto 3 amosando a incoveniencia de consideralos neste conxunto.
1. Un modelo aplicable á toponimia -bris, que entón non sería toponimia -briga.
Blanca Prósper (1) propuxera a forma *nawis como precursora de Nave e Navia no occidente peninsular. O tema en -i occidental explicaría a hidro-oronimia Nave, como o Arroyo de Valdelanave (Carbajales, Zamora) e a Ribeira da Nave (Portugal), e tamén Navia, que sería unha variación ou moción de *nawis para expresar xénero feminino. Na forma *nawis integraríase unha raíz atemática no grupo de temas en -i, fenómeno frecuente en latín que puido terse producido na lingua prerromana occidental. A idea de Prósper parece que se soporta noutras parellas de hidrónimos occidentais, Ave / Avia, e ademais abre una interesante liña de traballo para a toponimia prerromana: alternancia -e / -ia, que podería remitir a raíces tematizadas en -i.
Na nosa opinión a toponimia -bris, coas evolucións que vimos de sinalar en -e / -ia, semella ter carácter hidronímico: "civitatis Condense que juncta est rivo cui nomen Annubria" (Coimbra, Livro Preto, ano 1087), "Anobria" (íb. ano 1086), "Anobre" (varios casos na documentación medieval galega, p. ex. o actual Ombre - Pontedeume).
2. A forma "CAELOBRICOI" da inscrición de Lamas de Moledo.
Varios autores, entre eles Moralejo (2) prefiren a lectura CAELOBRIGOI. Este investigador entendera que o segmento BRIGOI é un nominativo plural do termo celta briga: “Puede verse que al haber reducido a sonoras sus dos sonoras aspiradas, el lexema [*bh´rgh-] cumple con la ortodoxia del Céltico Común”. Así pois, non cabe ningunha dúbida de que o autor trata BRIGOI como un todo (lexema) no que ve bh > B e gh > G partindo da raíz *bhr´gh (briga = elevación, fortificación en altura).
Mais na inscripción aparece tamén MACA / REAICOI, que o autor transcribe con C en lugar da G que emprega no caso anterior, CAELOBRIGOI. Námbalas dúas palabras os trazos para a terminación ICOI son idénticos e a estrutura do texto de Lamas de Moledo é simétrica morfolóxicamente, polo que ten que se prescribir unha mesma función morfolóxica do que viría sendo o mesmo sufixo -ICO, grafado con C:
-crovceai maca / reaicoi
-ioveai caelobricoi
CAELOBR-ICOI é, polo tanto, unha palabra derivada mediante un sufixo adxectivador cuxas variacións analizaremos a continuación. Faise necesario considerar CAELOBR- como base dun tema en -i, *Caelobris, incompatible cunha forma composta na que o céltico BRIGA fose o segundo formante.
Segundo Marco Simón existe unha “clara tendencia de los pueblos del Oeste y Noroeste hacia la reducción tópica de sus divinidades, tal y como se deduce de sus epítetos relacionados con la toponimia local” (3), este feito convirte ós epítetos teonímicos nun corpus axeitado para comprobar a sufixación que adquiren os topónimos cando se adxectivan, ben sexa para funcionar como teónimos, ben noutras circunstancias: Pidal (4) xa tiña sinalado para o sufixo -aecus a variante -ecus, así como o seu grande arraigo no noroeste peninsular e o seu enorme rendimento, xa que integra nomes de cidades (Lamaecum > Lamego), epítetos teonímicos con orixe en topónimos (Cariociecus < *Carioca, actual Quiroga), tribos e xentes (Gallaecos).
Veigebreaego(m) é un epíteto teonímico para a divindade Bandua en cuxa formación intervén o sufixo -aecus con evidente sonorización da xorda intervocálica. O epíteto probablemente sexa un topónimo en -bre, *Veigebre. A velar sonora [g] seguida de vocal anterior podería evoluír a un son fricativo palatal xordo, e *Veixebre entón sería un topónimo en -bre semellante ó actual Deixebre (Oroso, A Coruña). Se Veigebreaego(m) se tivese conservado, o resultado moderno sería Veixebrego / Veixébrego / Veixebriego, dependendo de se na zona houbo tendencia á diptongación e de se se produxo traslado acentual. O resultado moderno é susceptible de se interpretar, se un non se fixa moito na súa morfoloxía, como un termo composto con briga como segundo elemento. Mais o que sucedeu, neste e noutros casos que presentaremos, é que a sufixación sobre unha base rematada en -bre produciu un resultado que soa semellante ó termo celta briga.
Isto xa se observara para os epítetos teonímicos de orixe toponímico rematados en -bre máis sufijación. Admítese a derivación mediante sufixo (5) para, por exemplo, Caeilobr-icoi, Langobr-icu e Verubr-ico (masculinos), Munidi Eberobr-igae Toudopalanda-igae (feminino, con sufijación -ica sonorizada en dous casos) e Eburobr-icis (plural). A análise morfolóxica anterior amosa, pois, raíces remisibles a un tema en -i *Veigebris, *Caelobris, *Langobris, *Verubris, *Eberobris, *Eburobris. Polo tanto, segmentacións tipo “Ebero-brigae” nas que o termo celta briga aparecería como segundo elemento dun composto non son pertinentes.
4. Razoamento en bucle de Moralejo Lasso.
Neste tipo de ocorrencias como “Eberobrigae” identificouse erroneamente o celta briga como segundo formante, mais unha vez amosada a inconveniencia de segmentar un -briga en “Eberobrigae” e casos afíns nos que só hai un sufixo derivativo engadido, aceptouse a inevitable base *Eberobris. En lugar de deter aquí a análise continuouse na mesma idea, detectando en *Eberobris un “bris” que Moralejo Lasso propuxo como variante de briga: forma antiga *brigs / *brix > bris (6). Hipótese que non está comprobada como certa.
5. Síntese de propostas.
Na proposta de Salvado et al. (5) recoñécese a evidencia da sufixación ou derivación: Caeilobr-icoi, Langobr-icu, Verubr-ico, etc. A postura de Guerra (7) é ambigua: "Eberobrigae, además de poder interpretarse como un genitivo correspondiente a una formación en -briga, admitiría igualmente una explicación como un derivado con el sufijo -ico de un nombre de lugar en -bris" (na primeira posibilidade de Guerra habería un epíteto teonímico sen o morfema derivativo característicos destes!). Marco Simón continúa reflictindo a segmentación tradicional “sus epítetos [da divindade Bandua] parecen aludir más bien a lugares habitados, por lo menos aquellos que contienen el sufijo -briga (fortaleza): Lanobrigae, Aetobrigo” (3).
*Corpus de epítetos teonímicos extraído das referencias bibliográficas 3 e 5.
(1) Prósper B, “El nombre de la diosa lusitana Nabia y el problema del betacismo en las lenguas indígenas del Occidente Peninsular”, ´Ilu, 2, 1997, pxs.141-9.
(2) Moralejo JJ, “Lenguas paleohispánicas”, Os Celtas da Europa Atlántica, Ferrol, Concello de Ferrol, 1999, pxs. 17-45.
(3) Marco Simón F, “Religion and religious practices of the ancient celts of the Iberian Peninsula”, e-Keltoi, vol. 6, pxs. 287-347.
http://www.uwm.edu/Dept/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_6/marco_simon_6_6.pdf
(4) Menéndez Pidal R, “Mars Cariociecus y la etimología de Quiroga”, Toponimia prerrománica hispana, Madrid, Gredos, 1952, pxs. 263-6.
(5) Salvado P, Mendes Rosa J, Guerra A: “Um monumento votivo a Arância e Arâncio, proveniente de Castelejo (concelho do Fundão)”, http://www.ipa.min-cultura.pt/pubs/RPA/v7n2/folder/12.html
(6) Moralejo Lasso A: “Sobre los nombres toponímicos gallegos en -obre y sus afines”, Toponimia gallega y leonesa, Santiago de Compostela, Pico Sacro, 1977.
(7) Guerra A: "Omnibus Numinibus et Lapitearum: algumas reflexoes sobre a nomenclatura teonímica do Ocidente peninsular", Revista portuguesa de arqueología, 5 (1), 2002, pxs. 147-59. http://www.ipa.min-cultura.pt/pubs/RPA/v5n1/folder/147-159.pdf
No hay comentarios:
Publicar un comentario