O italiano Carlo Ginzburg (Historia Nocturna, 1989) insire no caixón do xamanismo euroasiático os combates extáticos que os Benandanti friulanos executaban nos séculos XVI-XVII contra as forzas do mal en determinadas épocas do ano (as témporas), co fin de obter boas colleitas para a súa comunidade. Mais no só; Ginzburg tamén introduce no mesmo caixón do xamanismo rituais semellantes, ou idénticos, que se executaban polos mesmos motivos e nas mesmas épocas do ano, pero non eran extáticos, a alma non abandonaba o corpo para saír a loitar, senón que se executaban realmente, en corpo. Neste subgrupo inclúe, pois, as características mascaradas de invernía que teñen lugar durante os doce días que van dende Nadal a Reis, ou nas kalendae ianuarias. Así, considera ligados ó fenómeno do xamanismo euroasiático os Benandanti friulanos (rito extático) e os grupos de xovens enmascarados como animais que saen combater nos doce días, e selecciona os seguintes: regös (Hungría), eskari (Bulgaria macedónica), surovaskari (Bulgaria oriental), călușari (Romanía), e koljadanti (Ucraína). É moi significativo que no nome dos koljiadanti ucraínos se atope o termo koljada = Kalenda.
Só indicamos que no achegamento ás mascaradas da invernía peninsulares como permanencia dun ritual de orixe xamánico, hipótese que levamos sostendo con continuidade dende fai xa vinte anos ("Los bigotes del peliqueiro" 2007) cabe, polo tanto, aproximarse a elas dende a mesma perspectiva que emprega Ginzburg para estudar as mascaradas de invernía do leste de Europa como manifestación dun antigo rito xamánico que podía ser extático ou non. Non son distintos os peliqueiros e os zamarróns dos călușari e os koljadanti por moito que o italiano finxa ignoralos. Trátase en tódolos casos de combates rituais contra as forzas do mal (xamanismo), cos que se persigue un beneficio para a comunidade no cambio de estación ou comezo dun novo ciclo anual: ben sexa caza abundante ou fertilidade dos campos e abondosas colleitas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario