domingo, 14 de diciembre de 2025

Arracada de Vilar de Santos debuxada por Antonio Palacios - 1929

 


Identificada polo arquitecto Antonio Palacios como unha posible "alfaia visigótica (?)", a arracada de Vilar de Santos foi debuxada por el en 1929, cando a xoia pasara xa a ser propiedade do párroco Marcelino Freiria (Caderno 6 de Antonio Palacios). A arracada pasara ás mans do cura trala súa descoberta casual en 1924 por parte de Benito Sabuguido, que a atopara a dous metros baixo terra cando facía un desaugadoiro na súa finca, coñecida co nome de Albariño e situada á esquerda do desaugadoiro da Lagoa de Antela (v. información na ficha de Altalimia.org). Tras varios intentos por parte do Museo de Ourense de adquirila, finalmente o párroco Marcelino Freiria venderíallela no ano 1979 (v. ficha do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense: "Arracada de Vilar de Santos").

Na parte superior esquerda da folla do caderno de Palacios debúxase lateralmente un paxariño saíndo dunha tulipa picando nun racimo de uvas ("pájaro con racimo"), este detalle minúsculo é o que vai no vértice da arracada, co racimo pendurado dunha argola.

Tal e como supón Luis Congil os triángulos recheos de gránulos, típicos das arracadas, serían representacións de racimos de uvas. No caso da arracada de Vilar de Santos o triángulo de gránulos é semellante ó racimo en miniatura que pende do seu vértice, e, polo tanto, o discurso iconográfico desta arracada sería unha versión dobre do tema do paxariño mailo racimo ("Castros, joyas y racimos: primeras representaciones de la vid en España", Vinetur 2020): un paxariño inserido nun borde circular situado sobre un racimo de uvas que, á súa vez, remata nunha miniatura formada por un paxariño que emerxe dunha mini tulipa circular da que pende outro racimo de uvas. Trátase dunha redundancia por recursividade, característica do arte celta, no que un tema se contén a se mesmo ata xerar a vértixe do infinito.

Vista da arracada de Vilar de Santos na que se percibe o colgante do racimo no vértice.


No hay comentarios: