O topónimo Licín de O Saviñao (Lugo) deu orixe ó nome do antigo territorio medieval chamado Liciniano (século IX: CODOLGA), o que autoriza a soster que Liciniano é unha forma adxectivada, mediante o sufixo -anus, derivada de Licinio, topónimo procedente do antropónimo romano Licinius, á súa vez vencellado á gens Licinia.
A mesma evolución ten que se lle aplicar ó topónimo Saviñao, que non procederá do nome propio *Sabinianus, como se ten dito (O seminario de onomástica responde: O Saviñao), senón do antropónimo romano Sabinius ou Sabinia tamén vencellado á outra gens, a Sabinia. A derivación dende o nome Sabinius / Sabinia, mediante sufixo -anus, é para formar un adxectivo que concorda, como no caso precedente, co sustantivo territorio (territorio Sabiniano).
Porén non habería neste caso ningún posesor ou propietario chamado *Sabiniano, como non hai ningún chamado *Liciniano, senón Sabinio ou Sabinia e Licinio, ámbolos dous estreitamente relacionados con gens latinas.
O curioso deste caso é que neste lugar na actualidade consérvase o topónimo Licín, mais non o esperable *Liciñao procedente do derivado medieval documentado Liciniano, mentras que non se conserva *Sabín, e si Sabiñao < Sabiniano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario