miércoles, 6 de diciembre de 2023

Tarandeira / Tarrandeira

 


No caso do microtopónimo Tarandeira (O Pazo, Abellá - Frades) comprobamos que outras terras próximas levan o nome de Terreo da Eira, polo que é moi posible que Tarandeira e Terreo da Eira se expliquen mutuamente. Supomos, pois, unha variante de pronunciación coa expresión consonantizada do risco nasal da primitiva vogal nasal de terrão, máis apertura da vogal e ante vibrante. Así Terrão da Eira > Tarandeira, ou ben, Terreo da Eira, por confluencia co sustantivo terreo procedente tamén do latín terra.

A forma orixinal que supomos é terrão (torrão [Portugal: Minho]), "terreno cercado para o gado" (Dicionario Priberam da Lingua Portuguesa).

Os microtopónimos Tarrandeiras de Diante e Tarrandeiras de Atrás, próximos ó Pazo (Abellá) e no entorno do castro arrasado de Ameixeiras (Ordes), ocupado hoxe pola área de servizo do mesmo nome, amosa a diferente realización da vibrante como simple ou múltiple. A paisaxe agraria reforza a etimoloxía proposta, polo que estariamos ante un caso de homofonía co sustantivo tarandeira / trandeira: "vara longa ou armazón de paus longos da que se penduran certas cousas: colgou os chourizos da trandeira para afumalos" (DRAG); "cierre formado por palos verticales que son cruzados por un palo horizontal" e "colgador de ropa formado por dos palos verticales y una cuerda que los une" (Constantino García: Glosario de voces galegas de hoxe).

No hay comentarios: