Unha das formas que pode adoptar o resultado romance do latín rivu > río, ó aparecer en composición, é ri-. Hai algunha máis, como rei (Regueiro de Reicobo - Pantón) ou ro- (Río Romeán - O Corgo). Para simplificar partimos de que proceden en última instancia do latín rivu, mais tamén sería posible considerar que pertencen ó substrato prerromano (cfr. REUMIRO), que tería termos semellantes ó latín ó proceder as linguas dun fondo común indoeuropeo.
Das formas compostas, Ricovo (O Saviñao), Ricovelo (San Cristobo de Cea) e Ricovanca (A Lama e Beariz), todos eles topónimos da provincia de Ourense, os dous primeiros non presentan problemas etimolóxicos, pois aínda son bastante transparentes, e na documentación medieval consérvanse as frases das que proceden.
En composición co nome latino covus / cavus, "oco", probablemente en referencia ó cauce excavado do río:
ano 742: "Rivo Covo" (Caaveiro)
ano 974: "Rio Covo" (Celanova)
ano 1065: "Riocovo" (A Coruña)
ano 1213: "Riuulo Covo" (Oia)
E combinado coa forma diminutiva do mesmo étimo:
ano 945: "Rio Covello" (Sobrado)
ano 1102: "Rivulo Covelo" (Caaveiro)
ano 1207: "Rivulo Covelo" (Asadur)
Bastante máis complexo é o caso de Ricovanca, pois só conservamos unha forma antiga moi semellante á actual:
"per Mestas de Ricouuanca" (ano 1159 - Armenteira)
No hay comentarios:
Publicar un comentario