Asegurar a interpretación ou tradución da primeira palabra do Bronce de Botorrita I (século I a.C.) vai facilitar sen dúbida a súa lectura e mellorará o coñecemento dunha das paleolinguas célticas peninsulares, pois é que o texto, seguramente un documento xurídico, vai tratar do asunto tematizado e enunciado no seu comezo.
"tirikantam berkunetakam tokoitoskue sarnikio kue" (Hispania Epigraphica, Botorrita I)
Na nosa opinión a primeira palabra é un numeral composto formado por tiri = tri, "tres", máis cantam = "cen, centea". Compárese co tocario kant / kante ou co galés e o bretón cant / kant. (Database of Indo-European Etymology, S. Nicolayev). Non é ninguna novidade que o celtibérico sexa unha lingua centum (fronte ás linguas satem, que expresan a cantidade 100 desta última forma). De feito tense identificado no mesmo documento o numeral simple kanton, "cen". Si é novidade, segundo creo, presentar un numeral composto nesta paleolingua.
Doutra banda, a existencia de centuriacións de orixe romana na zona ven asegurada no traballo de Beltrán Lloris ("Colonia Caesar Augusta: el impacto sobre el territorio y las comunidades indígenas", Revista de Historiografía, 2016), polo que é moi probable que no texto de Botorrita I se expoñan as disposicións legais propias deste acto xurídico: tratamento da poboación nativa, expropiacións, dereitos políticos concedidos, imposición de tributos, asignación de lotes de terras, límites, etc., na liña comentada polo investigador no traballo citado.
Territorio centuriado de Caesar Augusta, e integración de Contrebia Belaisca (Botorrita) nel.
(C) Tomado de Beltrán Lloris.
De se tratar do establecemento dunha centuriación de 300 parcelas, as tres palabras seguintes terían que se definir como topónimos, sendo -kue / kue as conxuncións copulativas necesarias para unir os tres lugares mencionados: *Berkune, *Tokoitos e *Sarnikio.
As dúas últimas formas xa foran consideradas como topónimos por Villar e Jordán, que os identifican cos toponímicos Iltukoite (1) e Sarna: El IV Bronce de Botorrita, 2001, px. 140). Pola nosa conta, completando a consideración de topónimo do primeiro elemento, tal e como indicarían as dúas conxuncións copulativas, que sempre coordinan elementos homólogos, imos asocialo a Baśkunes ou Barskunes, do que sería variante na escrita; no Bronce de Botorrita I a morfoloxía deste toponímico vese afectada polo engadido de dous sufixos derivativos -etakam. Para unha discusión sobre se se trata dun topónimo ou do étnico vascóns, remítome ó estudo citado de Villar e Jordán.
Deste xeito a hipótese que sostivera Villar de que tirikantam era un tipo de lugar que necesitaba determinarse por un topónimo (Villar, ib. px. 110), cobra sentido ó atopar o determinativo toponímico (ou étnico) *Berkune = vascóns.
Como Tokoitos / Iltukoite é termo ibérico, coñecido pola ceca ibérica do mesmo cuño, e Sarna presenta unha base, pola contra, paleoeuropea, cecais xa céltica, é moi suxestivo propor que Berkune / Barskunes sexan os vascóns, o terceiro pobo que estaría xa asentado no século I a.C. neste couto mixto da Celtiberia, que fora definido polos escritores clásicos como un territorio onde os celtas e os íberos se mezclaran entre si: "el término celtiberi estaría referido a
una población considerada como un grupo mixto (Untermann
1983 y 1984), y así aparece recogido en Diodoro, Apiano y
Marcial para quienes los Celtíberos serían Celtas mezclados
con Iberos, si bien para otros autores, como Estrabón, prevalecería el primero de estos componentes" (Alberto Lorrío: Los Celtíberos, 1997). Segundo opinión de Guillermo Fatás, os vascóns se terían encargado, como delegados de Roma, do goberno político directo do territorio celtibérico das ribeiras do Ebro ("Notas sobre el territorio vascón en la Edad Antigua", Veleia, 1986, px. 392).
(1) Concretamente na páxina 138 do estudo indican: "la consideración estanca de ambos mundos [celta e íbero] junto con la idea de que todo lo contenido en un texto celtibérico ha de ser analizado a la luz de la etimología celtibérica, ha sido la causa de que no se haya buscado tokoitos entre las ciudades cuyos nombres se tienen por ibéricos, como son las que empiezan por il- [apelativo ibérico para "ciudad"]".
No hay comentarios:
Publicar un comentario