sábado, 20 de enero de 2024

O Meco do Antroido: o último antepasado totémico

O segredo mellor gardado sempre está á vista. Se hai un elemento nuclear nas mascaradas da invernía (Antroido) do noroeste peninsular, non son as vistosas máscaras dos peliqueiros, os boteiros, os cigarróns, os irrios... nin as súas danzas rituais. Ese é o Meco, un boneco que noutras partes chaman Antroido, e que polo xeral está feito de palla nun armazón de madeira, e que, neste caso, vai vestido moi engalanado, ou ás veces con roupas vellas. O Meco / Antroido é sacrificado, esnaquizado, queimado, inhumado, afogado... ó final do festival, disque porque representa o mal.

E se hai un Meco enxebre, este é o das Teixugueiras (Cartelle - Ourense), labrado toscamente nun tronco dunha árbore con marcados atributos sexuais e as orellas recubertas por unhas praquiñas metálicas que hoxe en día son unhas latas de xoubiñas reaproveitadas para a decoración. O Meco de Cartelle ten a particularidade de que sempre é bautizado con viño tinto.

Recorte do vídeo gravado por La Región co bautizo do Meco, 27/2/2017:

Meco publicado na revista Auria no 27/2/2011, cun enorme falo e as súas características orellas de lata.

O San Sebastián de Piornal (Cáceres) é outro Meco. Se un se para a mirar ben, pódese ver que o santo está a cristianizar un madeiro semellante ó Meco de Cartelle, elixindo para elo ó único mártir que recibiu múltiples agresións lacerantes ligado a un tronco de árbore. Coa interposición da figura do santo diante do madeiro a Igrexa inhibiu completamente o rito pagán de golpear, esnaquizar, destruír o pau que representaba o mal, voltando a ira popular contra o oficiante, o chamán Jarramplas, figura que representa á vella relixión e que no Antroido galego é aínda intocable. Non obstante, quedan evidencias históricas de que o rito ía encamiñado á destrución do San Sebastián de pau, como a danza obstructiva que Jarramplas executaba ante el, hoxe prohibida (Garrido Palacios, "El Jarramplas").  

Na danza hoxe prohibida do Jarramplas de Piornal, gravada nun documental do programa Raíces (1973), o chamán chamado Jarramplas rexeita a San Sebastián cruzando os paus. En realidade era o boneco de pau o que era desbotado, o tronco que representaba ó mal.

Xa fai case vinte anos que nos adicamos a investigar sobre a orixe do Antroido no chamanismo euroasiático:
  1. No xa mítico traballo Los bigotes del peliqueiro (2007) estudabamos por primeira vez a conexión co chamanismo a partires da indumentaria das máscaras do Antroido e dos rituais executados nos festivais de inverno.
  2. En Partir a Velha - A serração da Velha - O enterro da sardiña (2021) expuñamos a estreita relación entre as mascaradas de inverno e certo tipo de dramatizacións (moxigangas).
  3. E en O primeiro actor e a primeira representación (2023) voltabamos a incidir na orixe do teatro, na súa totalidade, a partires das escenificacións rituais dos chamáns, desenvolvendo a hipótese de Kirby.

Por este motivo non queremos deixar de presentar unha evidencia máis que dá conta de que as mascaradas da invernía do noroeste peninsular son pervivencia, inserida no ciclo cristián da Coresma, dunha antiga danza ou ritual chamánico común a toda Eurasia. Pois é que vimos de atopar nas danzas cham tibetás e mongolas (hainas tamén nalgúns mosteiros hindús) a mesma escenificación que se executa preferentemente ó comezo do novo ano, cunha representación figurada dun boneco que tamén é descuartizado ou esnaquizado por unhas máscaras cuxa idéntidade é ocultada; os membros do budismo tibetano ou ben descoñecen a quen representan realmente ou manipulan a información para non revelar a súa identidade.

As relixións estatais como depredadoras das antigas crenzas


Boneco chamado linga, con marcados atributos sexuais e feito de masa, que é acoitelado nunha danza cham dun mosteiro hindú (Pemayangtse Monastery: Cham. The mystic masked dance).

Antes de describir a danza cham tibetana na que é acoitelado e esnaquizado o boneco linga, personificación do mal, imos ver a forma de proceder do budismo para expandirse, tan semellante á que empregou o cristianismo.

  • Nas rexións do norte de Mongolia e entre os buriatos ríndese culto á Terra / Nai Etügen. As covas son veneradas como úteros ou ventres maternos, sendo un culto vencellado a rituais de fertilidade oficiado exclusivamente polos chamáns (relixión indíxena primitiva). Coa introdución do budismo, os monxes tentaron ou ben destruír eses cultos orixinais, negalos, ou ben incorporar os lugares de culto chamánico á nova relixión masculinista, instaurando novos rituais nos que dacotío impuñan tamén a lingua tibetana (Itsván Keul, Transformations and Transfer of Tantra in Asia and Beyond, 2012).
  • As covas útero aínda se atopan nas rexións onde o budismo non chegou ou chegou marxinalmente. No pasado un chamán conducía os rituais no útero da Nai Terra, na cova de Altan Shirguul, pero máis tarde un chamán blanco (un especialista ritual que veneraba os novos deuses budistas e, ó mesmo tempo, os da relixión do pobo) quedou a cargo destes rituais (Isabelle Charleux, Nomads on Pilgrimage: Mongols on Wutaishan (China), 1800-1940, 2015). 

Nestas dúas citas evidénciase que o budismo, esa relixión que todos coñecemos polo seu compromiso inquebrantable coa paz mundial e a convivencia entre os pobos, pois... non é tal cousa. Trátase dunha relixión que se impón, e por elo destrúe ou ben incorpora introducindo a infiltrados, as crenzas previas dos pobos que vai depredando.

É, pois, moi posible que a parte da danza cham na que o boneco linga é cuarteado sexa unha incorporación ó budismo dun antigo ritual chamánico común a toda Eurasia, cuxos vestixios perviven nos remotos extremos do territorio: no Antroido do noroeste da Península Ibérica e nestas zonas do Tíbet e Mongolia. Námbolos dous, inseridos como pegotes nos ciclos litúrxicos impostos polas novas relixións (a Coresma do cristianismo e o Festival da Gran Oración do budismo, que ven sendo a celebración do Aninovo), que non puideron acabar con eles. Excuso desenvolver o feito de que preferentemente a danza cham se escenifica en Aninovo, na mesma data do calendario na que se inician as nosas mascaradas de inverno; os lectores xa saben por que.

O chamanismo como relixión das covas


O budismo tibetano asentouse sobre unha primitiva relixión chamánica, como amosan lendas nas que se describe a entrada no Nirvana dun home santo tras vivir nunha cova en profunda meditación durante cinco anos. "No folklore tibetano os eventos que transcorren en covas teñen que interpretarse como eventos que transcorren no útero ou nos xenitais femininos. A imaxe dun asceta entrando no Nirvana nunha cova é unha fantasía do retorno ó útero materno" (Robert A. Paul, The Sherpas of Nepal in the Tibetan Cultural Context, 1989). Paul interpreta a lenda do home santo na cova dende o budismo tántrico, nós interpretámola literalmente dende o culto chamánico prehistórico nas covas (útero da Nai Terra), extendido por toda Eurasia, do que derivaría o budismo tántrico.

Isto explicaría algunha outra lenda como a de Milarepa, un mestre iogui que meditaba na súa cova cando se lle apareceu un cervo de aspecto terrible (Chaudhuri, Maiti e Lepcha, The Cultural Heritage of Sikkim, 2020); na nosa opinión trátase dun chamán que experimenta unha visión en estado de trance dun cervo, o máis poderoso espíritu guía dos chamáns asiáticos.

É máis, segundo puidemos descubrir, e non foi doado, o termo cham das danzas cham tibetanas significa precisamente "ritual da cova", vai ligado porén directamente ás prácticas chamánicas de orixe prehistórica que tiñan lugar nas covas, investigadas por Clothes e Lewis-Williams. No chamanismo da etnia tamang (Nepal) o termo gufa designa o estadio final da iniciación chamánica, e aínda que literalmente significa "cova", adoita representar un depósito de gran (hórreo) sobre catro columnas; en lugar do devandito termo gufa en ocasións é usado o seu sinónimo cham, "ritual da cova" (Larry G. Peters, "Trance, Initiation, and Psychotherapy in Tamang Shamanism", American Ethnologist, 1982).

Algunhas notas sobre a parte da danza cham tibetana denominada ticham


Segundo Brian J. Cuevas ("Illustrations of Human Effigies in Tibetan Ritual Texts", JRAS, 2011) a práctica de utilizar bonecas vudú, isto é, figuras que representan, neste caso, unha persoa ou un espíritu e se usan como substitutos destes en rituais máxicos para curar, protexer ou danar, é común a moitas culturas presentes e históricas. Mais as figuras linga do Tíbet, segundo o investigador, é case seguro que virían da India... Nós dubidámolo, por varias razóns, entre outras porque na China xa se coñecía o uso de bonecas deste tipo dende o século III a.C. Polo que vimos de argumentar no epígrafe anterior, estas figuras estarían vencelladas ós cultos chamánicos previos.

Seguindo a Cuevas, o termo linga tibetano non ten que ver con como se entende esta palabra na India ("falo de Shiva"). Durante as danzas de enmascarados que teñen lugar nos mosteiros tibetanos no festival de Aninovo o linga  desempeña o rol de receptáculo das forzas diabólicas do ano que remata. Estas forzas son convocadas e introducidas na figura antropomorfa do linga, que ten que ir colocado nunha caixiña de forma triangular, e ó final do ritual son desbotadas polo oficiante, unha máscara que representa un chamán danzante chamado Black Hat.

A presencia destas máscaras de feiticeiros Black Hat é desconcertante. Sábese ben que representan a chamáns, oficiantes da relixión que o budismo rexeita; logo os monxes budistas non se explican por que teñen este papel fundamental no desenvolvemento do cham. Aquí é onde xurden as explicacións máis incribles con tal de non aceptar o evidente, que o ticham é unha pervivencia dun ritual chamánico da primitiva relixión, inserido no ciclo litúrxico budista do Aninovo. Unha das historias que se teñen amañado para explicar a presencia dos danzantes Black Hat é que en realidade eran uns budistas que se disfrazaran de chamáns para así poder achegarse a un rei antibudista co obxectivo de asasinalo (Paul, ib., px. 113), o que lembra as lendas etiolóxicas galegas nas que se explica que o Meco era un recaudador de impostos odiado polo pobo.

Boneco linga debuxado encadeado e coas laceracións, acoitelamentos, frechas encravadas e rotura de articulacións previstas nos rituais dos textos sagrados do Tíbet. (C) Gsang-ba rgya-can dpe-ris dang bcas-pa, do Quinto Dalai Lama (ca. s. IX) apud Cuevas, op. cit.

Nos textos rituais que recolle Cuevas no seu apéndice indícase como facer un boneco linga a partir das instrucións dun texto sagrado e dos debuxos fornecidos nos mesmos. Resulta moi interesante a parte na que se verte sobre o boneco un líquido vermello feito con ingredientes máxicos como sangue e outros (feces, orina, cabelo...) e que ten a finalidade simbólica de dotalo de vida, o que se conserva no ritual do bautismo do Meco de Cartelle con viño tinto, que se celebra trala creación do boneco.

Os medicine men


No interesante traballo de Cuevas incídese en que os debuxos dos linga que analiza están baseados nas representacións anatómicas dos textos médicos. Mais nos antigos tratados médicos tibetanos tanto podiamos atopar epígrafes relativos á curación das enfermidades, como sobre as propiedades das plantas, o cálculo das posicións dos astros, técnicas para manipular as enerxías do corpo e da mente, ritos de exorcismos, adiviñación, emprego de amuletos e operacións máxicas para sandar ou danar mediante substitutos miméticos (como as figuriñas linga). Na miña opinión isto indica que esencialmente o médico na antigüidade era o chamán, e que os debuxos linga para exorcismos e rituais son a orixe dos debuxos anatómicos, non ó revés, como sostén Cuevas. As pernas dobradas do linga ó modo das dunha ra, é un esterotipo que representaría nas dúas dimensións do papel a postura retorcida das extremidades maniatadas das bonecas vudú da antigüidade, como a do Louvre.

Boneca vudú exipcia de época romana; as agullas atravesan puntos vitais semellantes ós do linga.
(C) Museo do Louvre.

A lembranza dos medicine men pervive nas lendas do Meco do noroeste peninsular. Nunha das versións que recollera Pensado sobre o Meco, portuguesa, os pais pediran ós fillos que nunca perdoasen o meco (médico) responsable dun adulterio. Noutra lenda de Ogrove sobre o Meco, dise que un clérigo arruinou a honra de varias mulleres, tanto de virxes como de casadas (cfr. Federico Cocho: O Carnaval en Galicia, 1992, px. 259-260). Porén nas lendas do Meco do noroeste peninsular consérvanse as dúas características do chamán: como home santo, e feiticeiro / curandeiro. Na lenda de Ogrove idéntificase como "clérigo", isto é, un home santo. Doutra banda, a relación da palabra Meco co seu posible étimo *médico ven avalada pola lenda portuguesa mencionada por Pensado e polos termos galego-portugueses da fala de Xálima meicu e mecu, "médico". Agradezo este último dato a Capelurso Carvoeira.

O Meco como tótem ou antepasado totémico fundador do clan


Recorte dunha fotografía de Miguel Villar na que se amosa ó Meco de Teixugueiras (Cartelle - Ourense) colocado no carro do país para o seu paseo. (C) Miguel Villar en "Un canto a la fecundidad en As Teixugueiras", La Voz de Galicia, 13/2/2013.

Tótem (ídolo cilindro) e cervos na Pedra das Ferraduras de Fentáns (Cotobade - Pontevedra).
(C) Francisco Javier Torres Goberna, "Petroglifo Pedra das Ferraduras", 2013, blog Oestrymnio.

Non nos cabe ningunha dúbida de que o Meco de Cartelle é un tótem, o noso último tótem, o mesmo obxecto que se representou arrodeado de cervos (espíritus guía no chamanismo), e co rostro perfilado do mesmo xeito, no petróglifo da Pedra das Ferraduras fai 5.000 anos. Se ata agora simplificamos o ritual considerando que o linga e o Meco eran simples bonecos vudú do chamanismo, que servían para exorcizar o mal, agora debemos precisar que estes bonecos representan realmente ó clan, a tribu, no seu antepasado totémico, como se pon de manifesto no feito de lle gravar ó linga os nomes do clan no seu corpo: "os nomes personais e do clan inscríbense na frente, no embigo e nos muslos [do linga]" (Cuevas, op. cit.).

Na autorizada opinión de Hermanns a danza cham, e por extensión as súas homólogas peninsulares nas que se representa a destrución do Meco / Antroido, son cultos mistéricos nos que un ancestro tribal é sacrificado, dá a súa propia vida, para que os seus poidan acceder á vida eterna (Paul, op. cit., px. 118). A consideración do Meco como antepasado do clan aínda se mantiña no folklore galego a finais do século XVIII, na mención que se fai á fábula no Diccionario Geográfico de Tomás López (sección sobre Ogrove, polo capellán Francisco Varela y Carbajal, fol. 406): "en el sitio más alto se conservan las ruinas de un fuerte que mandó hacer el Sr. Arzobispo Gelmírez [...] y al pie de ellas un peñasco muy alto en medio del que hay una grieta en que se conserva (de milagro) una higuera, en que dice la fábula fue ahorcado nuestro antecesor el Meco".

Ídolo de Broddembjerg (Dinamarca).

Ídolos semellantes de madeira foron atopados nas turbeiras de Irlanda e Dinamarca, como o de Gortnacrannagh e Ballaculish, ou o ídolo itifálico de Broddembjerg. O primeiro considérase por parte dalgúns investigadores un substituto simbólico de una víctima sacrificial humana (conferencia de Silvia Alfayé: "En busca de las religiones de la céltica antigua", 27/2/24).

No hay comentarios: