lunes, 18 de enero de 2021

Partir a Velha - A serração da Velha - O enterro da Sardiña

Xa tiñamos falado da teoría de Kirby (1) que sostiña que as artes escénicas son herdeiras dos rituais e escenificacións propias do chamanismo (Los bigotes del peliqueiro, 2007). Nós considerabamos dentro daquelas vellas escenificacións que chegaron ós nosos días, non só o teatro, senón tambén as mascaradas invernais, o Antroido. Teatro e Carnaval, pois, descenden directamente das primitivas crenzas e rituais dos pobos que practicaron o chamanismo na prehistoria, e un e outro explícanse mutuamente. Estou pensando sobre todo no caso das pequenas obriñas do teatro barroco español coñecidas como moxigangas, que se introducían como entreactos nas pezas principais ou comedias, do mesmo xeito que o Antroido funciona como paréntese da vida. O equilibrio é perfecto nambas estruturas que conciben o mundo como representación cos seus descansiños, mais o show must go on!

A modo de exemplos, podemos atopar nas moxigangas manuscritas da Biblioteca Nacional os seguintes motivos tomados do Antroido (Catalina Buezo ten estudos adicados en profundidade ó asunto):

  • Diaños con chocallos: "Salen dos diablos vestidos de negro rodiadas las cinturas de cencerros y unas coronas de plumas de pavo en la cabeza" (Antón Pandero, Gil Sonajas y Maribero, s. XVIII).

Diablos de Luzón - Guadalajara. (C) A. Galíndez, 2020.

Mamuthones de Mamoiada - Cerdeña. (C) A. Galíndez, 2020.

Joaldunak de Ituren e Zubieta - Navarra. (C) A. Galíndez, 2020.
  • Bailes de osos: "Los osos que en las Asturias / también son vuestros vasallos / con el tono de su tierra / los hay algunos bailando" (La ballena: mojiganga para la fiesta Endimión y la luna, de Juan Vélez, F. Antonio de Monteser, ca. 1620-1668).
Oso de Salcedo (Pobra do Brollón), cun dos seus criados.
(C) A. Galíndez, 2020.
  • Alusións ó vello ciclo anual e á divindade responsable da creación do mundo e do tempo: "Hoy se parte la Vieja / como dicen los muchachos / pues la mitad de cuaresma / es hoy, que para tu intento / así conviene que sea / y así, vamos a la Plaza / y allí verás como encuentras / hartas figuras con que / hacer mojiganga puedas" (Lo que pasa en la Plaza al partir la Vieja, s. XVII).

A Vella do Antruejo de Carrizo de la Ribera - León. (C) A. Galíndez, 2020.

La Vijanera de Silió - Cantabria. (C) A. Galíndez, 2020.
La Vieja de Enero > La Viejanera > La Vijanera.

  • Esceas nas que as mascariñas emborrallan con cinza e fostigan ós presentes: "pasan dos muchachos en coletillos y dando el uno de vejigazos al Regidor, pone el otro al Criado un parche en la cara que se le queda pegado en ella. Regidor: ¡me han dado con una cosa que iba haciendo chifi - chafe" (Día del Corpus en Madrid, Pedro Lanini y Sagredo, s. XVII).
Pantallas de Xinzo de Limia coas vexigas, antecedentes dos globos. (C) A. Galíndez, 2020.

Así pois, dende as moxigangas pódense recuperar elementos do pensamento mítico que subxacen no Antroido, como o concepto de partir a Vella, descoñecido en Galicia, máis non en Portugal. Alí chamábase a serração da Velha (2) e celebrábase na metade da Coresma; nós enterramos a sardiña o Mércores de Cinza, a que, segundo pensamos, ven sendo a mesma Vella (en Portugal aínda se idéntifica esta Velha nalgúns lugares cun peixe: cfr. "O enterro do bacalhau").

A Vella (Dona Coresma) nunha obra de Pieter Brueghel (1559), representada esquelética pola dieta pescetariana e brandindo unha pa de forno con dúas sardiñas no enfrontamente contra Don Carnal.

A deusa do tempo foi depredada polo cristianismo como Dona Coresma, representada polo peixe, alimento propio destas datas; máis o rito cíclico da súa morte segue a se celebrar. Como di Taboada Chivite, lembra o rito romano da expulsión da cidade de Anna Perenna (A Vella romana) o 15 de marzo, simbolizando o ano transcurrido (Etnografía Galega: Cultura Espritual, 1972, px. 60). Annaannum, "periodo de tempo cíclico".

Como dicíamos arriba, Catalina Buezo ten varios estudos moi detidos ó respecto das mascaradas da rúa e a súa vinculación có xénero teatral da moxiganga. Na nosa opinión, as conclusións ás que chega sobre a figura recurrente do mago ou feiticeiro que aparece constantemente nestas pezas, tería que desenvolverse ata remitila ós seus antecesores, os chamáns. Pois para a investigadora, os astrólogos e feiticeiros son meramente personaxes que permiten dotar de verosimilitude, ó practicaren a maxia, á aparición diabólica das extrañísimas figuras do Antroido dentro da moxiganga ("Magia natural, artificiosa y diabólica en la mojiganga dramática del siglo XVII. Edición de la pieza inédita El agua de la vida", 2011).

(1) ET Kirby, "Shamanistic Origins of Popular Entertainments", The Drama Review, 1974, vol. 18, nº 1, pg. 5-15.

(2) Teófilo Braga, O povo portuguez nos seus costumes, crenças e tradições. II (As festas do calendário popular), 1885, px. 269 e ss.

2 comentarios:

Miguel dos Pios dijo...

Ola Dolores.Fai tempo que son seguidor do teu blog,como gran afeccionado a nosa historia, espero que nunca deixes de publicar artigos tan interesantes coma este. Fai tempo que estou investigando sobre a figura da Vella, me ten moi intrigado, e aqui en Galicia ainda perviven moitas reminiscencias sobre ela. Moi perto da miña casa ,na Franqueira, celebrase unha gran romeria adicada a Virxe da Franqueira( Unha das tres imaxes marianas mais importantes de Galicia),e sempre me impresionou a cantidade de xente que asiste pero sobre todo o numero de kilometros que fan para levar a imaxen do seu pobo ata o lugar. Esta romeria tiña que ser unha reminiscencia de un culto ancestral a unha divinidad moi potente.E un dia por casualidade me enterei que o coto onde conta a lenda que apareceu a virxe se chama ¡COTO DA VELLA!.

Andregoto Galíndez dijo...

Grazas polo teu comentario. Seguirei, como sempre, mergullándome na investigación dos nosos mitos, aínda que ó mellor non saen cousas tan interesantes como esta. Non me sorprende que na Franqueira poda seguirse a liña que vai da Virxe á Vella. Parabéns polo achádego! A ver se entre todos nós imos recuperando o noso pasado. Saúdos.