Descubro na Vida de Santa Febronia* (Acta Sanctorum, bilingüe grego - latín), virxe martirizada en Asiria en tempos de Diocleciano a principios do século IV, que tivo un importantísimo encontro cunha muller extranxeira (peregrina) de elevada clase social, de nome Hieria (Geria no texto grego). Os datos relativos a esta, así como o seu nome, gardan unha semellanza total có pouquiño que sabemos da vida da diaconisa galega Egeria, a muller que se achegou a Terra Santa para deixarnos por escrito as impresións da súa viaxe nunha obra dun estilo que podemos encadrar no xénero dos modernos libros de viaxes, aínda sendo do século IV. Na antiga biblioteca de Celanova conservábase o libro, o Igerarium Geriae, co mesmo nome que rescatamos agora.
É o caso que a tal Geria, calificada de peregrina e extranxeira na súa patria, volta cos seus a Asiria (aquí pódese advertir que a viaxe a Terra Santa dende Gallaecia é interpretada como un retorno á patria, nunha das reviravoltas que dan as pouco claras vidas dos santos), tras enviuvar do seu home ós sete meses de casar. Na vida de Santa Frebonia, Geria pertence á clase senatorial; é chamada Geria ou Hieria Senatrix (syncletica, en grego) por ser filla ou viúva dun senador.
En Nísibis entra en contacto con Febronia e a súa tía, a diaconisa Briena, que tiñan unha comunidade de sorores (adelphon no texto grego) que seguía a regula Platonidis: as ensinanzas e lecturas do filósofo Platón**, relativas á inmortalidade da alma (o librum Platonis que lían coido que tiña que ser o Fedón). A mesma Febronia era experta na disciplina ascética, no sentido epistemolóxico e cognitivo que domina na obra de Platón.
Unha noite Geria preséntase ante Febronia en hábito de monxa peregrina (peregrina monacha), bícanse e Febronia comeza a explicarlle as divinas escrituras, polo que Geria abandoará o seu paganismo e idolatría. Entón sucédense o martirio de Santa Febronia e logo o bautismo de Geria e a súa solicitude a Briena de quedar na comunidade de sorores ocupando o lugar de Febronia.
Briena nas versións das Actas Siriacas recibe os títulos de diaconisa, Rabtha (mestra) e Martha (señora), sendo este último apelativo o que atopamos na Peregrinatio de Egeria como nome da súa amiga, a diaconisa Marthana. Os paralelismos son asombrosos.
O único discordante é que o encontro de Geria e Febronia sucede uns 80 anos antes da cronoloxía relativa que se ten fixada para a viaxe de Egeria a partir dos datos históricos que se aportan no seu diario, a cal cecáis haberá que revisar. Podería terse en conta a posibilidade de que na construción literaria da historia haxiográfica da mártir Febronia se introduxese a visita de Egeria a Nísibis como se tivera ocurrido antes do martirio e morte da xoven; a coincidencia ficticia de ambas realzaría a figura da mártir. A intención de Egeria de achegarse a Nísibis entraría dentro dos obxectivos da súa peregrinaxe, visitar os martiria máis famosos. E finalmente parece que deu chegado a Nísibis, se seguimos a Vida de Febronia neste punto, onde se desprendeu da súa túnica e xoias para cubrir con elas a tumba da mártir.
Na miña opinión, o máis relevante de este engadido é a escola de filósofas gnósticas neo-platónicas, non monxas no sentido actual, que se formou ó redor das doctrinas de Platón, da que Egeria tería formado parte: logo a influencia no seu pensamento non foi de Prisciliano, como se ten dito, senón do físico Platón. Foron estas mulleres das primeiras académicas, filósofas, matemáticas, científicas que consagraron a súa vida ó estudo; moitas morreron a mans dos intolerantes primeiros cristiáns: "Malditos sexan os que cren nas matemáticas e na astronomía" promulgaron no I Concilio de Toledo.
Imos convertir a Egeria nunha Hipatia de Alexandría? Todo se andará, e non é unha pregunta retórica xa que no vello mito fundacional de Gallaecia, a lenda astral neo-platónica de Septemsiderus da que xa temos tratado (Hijos de las estrellas), o protagonista preséntase como marido dunha tal Iheria ("maritus Iherie" = Egeria): a parella perfecta, Setestrelo e a filósofa neo-platónica.
Hipatia explicando o movemento elíptico da Terra. (C) Ágora, de Alejandro Amenábar, 2009.
* Pola Mestra Thomaide, nun manuscrito da Biblioteca do Vaticano.
** Algunhas das traducións do grego falan dunha fundadora da comunidade chamada ¡Platonia! Para Alexander Alexakis o que está claro é que esta comunidade estaba influenciada polo neo-platonismo ("A meeting of Hypatia of Alexandria with St. Febronia of Nisibis...", Byzantine Religious Culture, 2012).
2 comentarios:
MOOOOOOOOLAAAAAAAAAA!!!!!!
Agora fasme reler a Egeria. Como se non tivese máis cousas que facer :-))))
grazas! eu teño o libriño abreviado edición de Carlos Pascual Gil, e o repaso a miúdo, sempre atopo cousiñas ben interesantes
Publicar un comentario