Temos atopado moitos máis castros chamados do Ferreiro (ex. o Castro de Lubre - Bergondo, que conserva toponimia redundante, como Ferreiro e Fornos), que do Carpinteiro. Este caso é, pois, ben interesante por aludir probablemente á profesión especializada do construtor de carros (carpenta), conservando aínda o significado orixinal, anterior á especialización do sustantivo para designar ó artesán da madeira en xeral.
A carpenta era un carro de combate usado polos celtas, que adoitaba formar parte na enumeración que os romanos facían dos bens apresados como botín trala derrota do enimigo. O historiador Tito Livio sempre fornecía o número de carpenta incautadas, así como a cantidade de enimigos mortos ou capturados. Os contextos indican sen dúbida que o carro chamado carpenta fora un carro de combate (Gioall Canestrelli: Celtic Warfare, 2022).
Unha outra posibilidade podería ser que o Castro Carpinteiro ( < Carpentarium) funcionase como mutatio ou posta para carros nunha vía de comunicación, dada a proximidade do recinto á dorsal (vía natural de tránsito) formada polas serras do Careón, do Corno do Boi e da Cova da Serpe, e ó Camiño de Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario