Da lenda escocesa, gaélica, recollida na Tobar an Dualchais/Kist o Riches e titulada CAILLEACH BEINN A' BHRIC, HÓ RÓ (A Vella do outeiro pardo, hó ró!) danse dúas versións en sendas grabacións:
- Na lenda propiamente dita, contada por John MacMillan en 1963, descríbese como un cazador intentaba dispararlle a unha cerva; o animal convertíase en muller cando o cazador lle apuntaba, e en cerva cando o cazador baixaba a arma. Ela era Cailleach Beinn a' Bhric, A Vella do outeiro pardo, e díxolle ó cazador que estaba a matar demasiados cervos. https://www.tobarandualchais.co.uk/track/13238?l=en
- Unha canción, cantada por Margaret Ross no ano 1953. Na información fornecida na grabación indícase que a Vella (Cailleach) é o espíritu que protexe os cervos, que viaxa de val en val para ver cal é o mellor. https://www.tobarandualchais.co.uk/track/7391?l=en
Nestas dúas versións do mito atopamos pois a chave que nos permite definitivamente establecer o carácter da Vella como divindade da natureza e señora dos animais, e máis concretamente, a pouco que se indague, como a Deusa Cerva prehistórica das primitivas relixións xamánicas (xamanismo euroasiático), da que a Artemis grega / Diana sería unha derivación máis.
Entre o culto xamánico dos ket ou ostiacos de Siberia está moi extendida a crenza na kaigus' como nai dos animais, que pode adoptar aspecto humano ou animal, e que baixo a forma dunha muller adoita colaborar cos cazadores da taiga para asegurar o éxito na caza. Ligada a esta crenza hai varias regras relativas á caza: non capturar máis pezas das necesarias, non inflixir dor innecesaria, e respectar os rituais que garantirán o retorno dos animais (The Hunter, the Stag and the Mother of Animals, Esther Jacobson-Tepfer, 2015).
Avatar de A. Galíndez como Antlered Mother ou deusa nai cornuda.
No seu último traballo ("The Antlered Mother: From the Paleolithic to the Modern Era", 2023) Nataliia Mykhailova expón o estado da cuestión sobre a figura mitolóxica euroasiática da Nai Cerva ou da Esposa Cerva, ancestro totémico común das linaxes dos animais e dos seres humanos, e protectora da caza, cuxa orixe remóntase ás sociedades de cazadores-recolectores do Paleolítico, adaptándose logo ás crenzas das sociedades agrícolas posteriores. Unha das lendas que reporta é a de Dali, a señora dos animais da mitoloxía de Xeorxia: un cazador atopa unha muller cerva no bosque, mantén relacións con ela e conta o sucedido, o que é considerado unha violación do tabú, polo que Dali acaba coa vida do cazador. Este mito é comparable, evidentemente, ó de Artemis e Acteón. A investigadora tamén dá conta das lendas da señora dos animais británica (isto é, da Deusa Cerva das lendas gaélicas).
A lenda galega de "A doniña cerva" (Castelo de Doiras - Cervantes) recollida por Leandro Carré Alvarellos a meados do século XX encádrase porén neste ciclo da Potnia Theron ou dona dos animais e ancestro mítico, de orixe prehistórica. O motivo da caza da cerva, femia ó tempo humana e animal, a transformación en muller cando é cazada ou vai selo, o parentesco (liñaxe común) entre o cazador e a muller (ancestro totémico) fan desta lenda unha variante do mitoloxema euroasiático da Antlered Mother propio das relixións xamánicas das sociedades de cazadores-recolectores paleolíticos, no que semellan apuntar certos tabús propios destas sociedades, como o do incesto, a zoofilia e a morte (seguramente ligada ó futuro renacemento) do animal considerado ancestro do clan.
Nada que ver, pois, coa hipótese sostida por Mariño Ferro de que "A doniña cerva" asenta directamente a súa orixe no paganismo grecolatino, concretamente na fábula de Acteón, e no Cantar dos Cantares bíblico ("La cultura tradicional gallega: la leyenda de la cierva blanca", 2008).
No hay comentarios:
Publicar un comentario