miércoles, 6 de diciembre de 2023

Orixe da paisaxe de agras na castrificación de Galicia

Agradezo a Iago Isasi Freire a posibilidade de usar o seu marabilloso programa
Topónimos.exe, que abre un novo horizonte nos estudos toponímicos.

Obxectivos

Testamos a hipótese do xeógrafo francés Abel Bouhier respecto da orixe da paisaxe de agras galega na castrisation (proliferación de castros ou asentamentos fortificados da Idade do Ferro) do noso territorio. Dita posibilidade fora exposta na súa tese de doutoramento La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire (1979), estudo aínda non superado sobre as formas agrarias da paisaxe cultural galega.

Material e métodos

Grazas ó programa Topónimos.exe deseñado por Iago Isasi Freire podemos recoller a toponimia en torno dun topónimo dado (no noso caso procuramos a forma CASTR), nun radio previamente sinalado que pode oscilar entre 1 e 750 metros.

Os resultados obtidos son susceptibles de ser tratados nun visor, deseñado polo mesmo autor, que amosa, por exemplo, que topónimos son máis frecuentes ó redor do item toponímico obxecto da procura, ou cal é a orientación e distancia dos resultados con respecto ó item procurado. 

O corpus toponímico no que se realiza a procura, que é o que rastrexa o programa Topónimos.exe, é un arquivo CSV coa microtoponimia (nomes de terras, montes, regueiros, fontes, penedos, muíños, camiños…) de Galicia, extraída da base de datos Galicia Nomeada, na que se recollen tódolos concellos e inclúe a localización xeográfica. O arquivo CSV pódese descarregar nesta ligazón:

https://abertos.xunta.gal/catalogo/territorio-vivienda-transporte/-/dataset/0159/microtoponimia-galicia

A xeolocalización dos items toponímicos permite tamén o tratamento cartográfico dos datos obtidos; Iago Isasi ten desenvolto un outro visor que xera imaxes cartográficas, isto é, mapas nos que se visualiza a dispersión dun resultado por concello, nuha escala gradual de cores segundo a cantidade por concello.

Resultados do estudo

Nós non imos traballar aínda cos visores desenvoltos por Iago Isasi, senón cos datos planos obtidos co seu programa Topónimos.exe.

Nun radio de 100 metros ó redor de tódolos topónimos Castro e variantes (Castrelo, Castronela, etc.) de Galicia hai inventariados na base de datos Galicia Nomeada, á data de hoxe, 8.235 topónimos, que na súa maioría pertencen á categoría dos microtopónimos.

Deles, 204 son topónimos que conteñen os termos Agra, Agro, Agrelo ou ben Aira, que incluímos por ser variante evolutiva da forma romance agra. Algúns exemplos: As Agras do Castro (A Laracha), O Agro do Castro (A Pastoriza), Agrelos de Galán (Arteixo), Suagra de Castro (Boqueixón), Trala Aira (San Sadurniño), A Aira do Castro (Castroverde), etc.

A estrutura toponímica máis repetida é o tipo A Agra do Castro / A Aira do Castro / O Agro do Castro, cun total de 76 ocurrencias (37 %), que sen dúbida é moi relevante ó vencellar directamente a paisaxe agraria das agras cos castros adxacentes.

Os resultados son concordantes coa tese de Bouhier relativa á castrificación da paisaxe na que se desenvolveron as agras de Galicia. A maior concentración da toponimia Agra e variantes no entorno inmediato dos topónimos Castro prodúcese nos concellos do interior da comunidade galega, sobre todo nas provincias da Coruña e Lugo, zona que previamente fora establecida polo xeógrafo francés como de paisaxe de agras, fronte ó norte das mesmas provincias e a súa costa, que conformarían outros tipos de paisaxe: paisaxe de bocage e de bancais ou aterrazamentos. 

Fig. 1. Concellos galegos nos que existe unha maior incidencia (> 3) do topónimo Agra e variantes en torno ós topónimos Castro nun radio de 100 metros.

Fig. 2. Agrupación dos casos por comarcas. O contorno arrodeado de azul sinala as comarcas do interior das provincias, fundamentalmente Lugo e A Coruña, cunha maior concentración dos topónimos Agra e variantes, localizados a partires dos topónimos Castro (e variantes).

A existencia de paisaxe de agras coa súa toponimia correspondente no entorno dos castros dalgunhas comarcas limítrofes, como pode ser a de Ordes, aconsella polo momento tomar con precaución o límite comarcal que temos sinalado, pois é moi posible que este se vexa ampliado cando se remate co proxecto Galicia Nomeada, e se teña inventariada toda a (micro)toponimia de Galicia. Tamén parece aconsellable traballar cun radio de procura maior, en torno ós 200 metros, pois 100 metros implica ter as terras de cultivo ó pé dos asentamentos castrexos, o que non sempre é posible. Non obstante, estas precisións non invalidan os resultados obtidos.

Castro do Coto en Cabeza de Lobo (Ardemil - Ordes) e paisaxe de agras na contorna, coa toponimia correspondente.

Conclusións


Facemos fincapé en que non estamos a estudar se a dispersión da toponimia Agra (e variantes) coincide coa zona da paisaxe agraria galega denominada por Bouhier "paisaxe de agras". Isto xa fora estudado por Calvo Iglesias, Díaz Varela, Méndez Martínez e Fra Paleo no traballo "Place Names for Mapping the Distribution of Vanishing Historical Landscape Features: The Agras Field System in Northwest Spain" (Landsacape Research, 2012), chegando os autores a conclusións positivas: "our findings show that agra/ agro and derived place names are found in areas where the agras field system was employed, which points to their capability as indicators of the occurrence of the field system".

A nosa investigación vai por outro camiño, tratando de amosar se, como creía Bouhier, o desenvolvemento da paisaxe de agras vai ligada á profunda castrización do territorio no que se desenvolve dita paisaxe. Utilizando o programa Topónimos.exe (Iago Isasi Freire) verificamos que no entorno inmediato dos castros da Galicia interior (a Galicia de agras de Bouhier) dase a correspondencia ou atinxencia toponímica Castro - Agra, sen achegarse á zona da paisaxe de bocage (norte das provincias da Coruña e Lugo, con menor densidade de castros).

Fig. 3. Clasificación das paisaxes agrarias de Galicia segundo Abel Bouhier. Compárese coa fig. 2.

Segundo os datos obtidos, a orixe da paisaxe de agras amósase directamente relacionada coa profunda castrización (proliferación de castros) da Galicia interior e, inversamente, desvinculada da paisaxe de bocage do norte das provincias da Coruña e Lugo. É moi posible, pois, que dita paisaxe de agras teña a súa orixe última nas primitivas formas de aproveitamento agrario comunal dos asentamentos fortificados da Idade do Ferro do interior de Galicia. Unha das características deste aproveitamento en común era a derrota do gando, ou entrada do gando nas eiras unha vez recollido o cereal, para pacer os restos vexetais e fertilizar as terras cos bosteiros (aproveitamento agrícola-gandeiro).

Amplíase porén o concepto de castro na Galicia interior ó de  asentamento fortificado coa súa paisaxe agraria (agras), que Bouhier definía como un vieux complexe agraire. O que cecais non imaxinaba o francés é que fose tan vello...

No hay comentarios: