Na nosa opinión, o nome deste chefe (rei) galo ven amosar, na súa alternancia dumno- / dubno-, que o que dixo Paulo Diácono no seu epítome a Festo, "dubenos apud antiquos dicebatur, qui nunc dominus" ( = dubenos dicíase entre os antigos o que agora se di dominus), é certo. Ou sexa, que dominus, "señor", dicíase antes dubenos (ou dubnos, se temos en conta a caída da vogal postónica).
Un estudo etimolóxico sobre o dato fornecido por Paulo Diácono: Luca Rigobianco, "Latin dubenus, 'dominus': an attempt at etymology" (Words and Sounds, 2019). O autor propón unha etimoloxía a partir da forma arcaica duenos, que no século VI a.C. indicaría a pertenza a unha elite aristocrática (Colonna).
Entendemos entón que isto mesmo se podería aplicar ó nome do chefe galo, que pode transcribirse das dúas formas (námbalas dúas con caída da vogal postónica: dum(i)no e dub(e)no). O nome Dubnoreix, ou mellor, título honorífico, viría significar literalmente "O Señor El-Rei". O feito de conservar o galo a forma máis antiga dubno, "señor", apunta cecais a que as linguas célticas foron máis conservadoras que o latín. O antropónimo non tería que ver polo tanto con dubno, "mundo", que é a etimoloxía que adoita fornecerse (*"Rei do mundo").
No hay comentarios:
Publicar un comentario