lunes, 2 de mayo de 2022

Numide / Donumide (Donamide)

Na nova guía de toponimia da colección Terra Nomeada, adicada ós nomes de lugar do concello de Tordoia (Toponimia de Tordoia), podemos ler as dúas propostas sobre este interesante topónimo, único en Galicia:

  • A de Piel, que tira de exóticos antropónimos indiscriminadamente. Os nomes dos posesores das vilas terían quedado fosilizados nos nomes de lugar; neste caso a súa proposta é Numidius, un nome propio inexistente na nosa documentación medieval... Vese que lle adicou pouco máis dun segundo á procura do nome persoal, tirando dos repertorios e sen comprobar.
  • As autoras do estudo, Lidia Gómez e Luz Méndez, recollen as formas máis antigas do topónimo:

- Sancti Iacobi Donamidi (1215, San Martín Pinario)

- Sancti Iacobi Donimidi (1268, notario compostelán)

- Donamide (1526-31, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago)

- Variantes sen a primeira sílaba: Santiago de Nimide / Nomid / Nomide / Nemide (1500-1580, Arquivos da Catedral e da Universidade de Santiago).

Asemade, expoñen que non pode descartarse que a primeira sílaba fora interpretada como contracción da preposición de máis o artigo o, o que levaría á escrita separada. Aínda que non atopan ningún nome persoal tipo *Donnamitus para sustentar a súa hipótese, pensan tamén como alternativa dentro da onomástica persoal nunha posible formación có tratamento don < latín dominem anteposto ó nome Numidus (variante do Numidius que fornecera Piel).

Numidius aparte, as investigadoras teñen razón nas súas observacións sobre a morfoloxía do topónimo: trátase dunha formación con tratamento anteposto, e evidentemente producíuse a interpretación do segmento fónico inicial do- como contracción da preposición de máis o artigo masculino o, que levou á escrita separada.

Consideramos que traballar có tratamento domina, feminino, é a única forma de xustificar o a que contén Donamidi na primeira documentación do topónimo. Logo semella doado aportar o nome latino amita, "tía por parte de pai", que reflicte o grao de parentesco romano, ó que se lle antepón o tratamento domina, "señora". A frase có núcleo elidido [Villam]  Domina Amita > Donamide, con fusión dos dous as mediais e relaxamento do -a final. Doutra banda, o uso do termo amita có significado de tía, ou ata nodriza ("simul cum amita et nutrice mea Geloira", ano 968 - Sobrado), está moi ben representado na documentación medieval galega dende o século X, tamén en contextos que amosan a súa consolidación plena como nome propio desprovisto de significado.

Podemos predicir, pois, a existencia en Numide dunha vila pertencente a unha cidadá galaico-romana identificada cariñosamente pola súa familia polo feito de ser a Señora Tía (tía paterna), ou ben, xa na Idade Media, da residencia dunha noble chamada Dona Amita (como nome propio, sen indicar grao de parentesco ou familiaridade). Esta mesma formación foi común nas linguas románicas, por exemplo en romanche, Duonnanda, "tía" < Domina Amita, como título de respeto e, ó tempo, cariñoso.

Viría logo dun tempo, unha vez olvidado o sentido orixinal do nome de lugar, a separación da primeira sílaba, considerada como a contracción da preposición de + o artigo masculino o, e as variacións do vocalismo átono que reflicte a selección de exemplos que recolleron as autoras do estudo da toponimia de Tordoia.

No hay comentarios: