Xusto ó día seguinte de publicar o último post (Tristán en Sarandós) no que estudabamos a lenda do Tributo das Cen Doncelas como resto mitolóxico moi posiblemente anterior á tradición cabaleiresca de Tristán e Isolda, o bo amigo Manuel Ruibal achegoume unha grabación na que seu avó, o Señor Pepe do Curro, de 96 anos de idade e grande coñecedor das tradicións do lugar (Carral), conta a orixe do apelido Figueroa segundo lla contou súa avoa (nada en 1870).
Escudo de Abegondo coa pola da figueira.
A xenealoxía do apelido Figueroa, como temos visto no post anterior, está vencellada á lenda das Cen Doncelas.
Transcrición da grabación efectuada por Manuel Ruibal o 16/5/22. O vídeo da grabación vai insertado ó final da entrada, có permiso de Manuel Ruibal e familia:
"Había... A onde había... Os que estaban alí, os gherreros, a onde había unha moza ben ghuapa, pois facíanse con ela. Pero a moza dicía:
E daquela foi un irmán, colleu unha pola de figheira, e empezou a gherra alí coa figheira, e por iso lle quedou alí Figheiroa".
* * * * *
Podemos quedar só na percepción da beleza do conto, ou na forza da lenda que chegou viva ata hoxe no concello de Carral, que limita coa parroquia de Sarandós (Abegondo). Mais a labor dun filólogo ten que ir moito máis aló, adentrándose polos camiños da teoría da literatura para amosar as conexións que permiten encaixar o relato nun xénero. Imos ver, pois, o que só un filólogo sabido podería dicir sobre esta incrible testemuña. E levaremos unha boa sorpresa!
- Segundo a discutida teoría de Menéndez Pidal a decadencia dos cantares de xesta medievais (da épica heroica, como o Poema de Mio Cid ou La Chanson de Roland) deu paso a fragmentos: "los oyentes se hacían repetir el pasaje más atractivo del poema que el juglar les cantaba; los aprendían de memoria y al cantarlo ellos a su vez, lo popularizaban, formando con esos pocos versos un canto aparte, independiente del conjunto: un romance". Así pois, segundo o grande hispanista, moitos romances serían retazos de ciclos épicos perdidos. Como comprobar que tiña razón?
- Intrusión dun pequeno romance na lenda do Tributo das Cen Doncelas contada polo Señor Pepe do Curro: efectivamente, na versión que estudamos o recitado da doncela, a súa métrica, é propia dos romances (versos de oito sílabas, imperfectos ás veces, e rima impar en asoante). Este mesmo romance está moi extendido polo noroeste peninsular (dende Portugal ata León e Asturias) sendo un romance de boda cantado por mulleres no que a temática é a despedida da casa familiar. Que fai un romance incrustado nunha simple lenda? Resulta inexplicable, a non ser que a lenda sexa algo máis, restos dun ciclo épico, tal e como sostía Menéndez Pidal. O ciclo épico do Tributo das Cen Doncelas.
- A despedida do fogar noutros ciclos épicos: a despedida do fogar polo desterro do heroe e o llanto deste son os versos cós que comeza o cantar de xesta peninsular máis coñecido (Poema de Mio Cid), facéndose referencia nela ás portas e fiestras da casa, ás entradas e saídas.
- Rosalía de Castro: vemos a orixe da morriña como un tema galaico antiquísimo, vencellado á despedida do fogar (a partida do heroe, a boda). A cantiga popular que glosara Rosalía de Castro é variante desta que analizamos, e ten versións ata en Portugal: "Adeus, pai, e adeus, mãe / adeus, gado que eu gardei, / adeus, manos, adeus, manas, / terra onde me eu criei" (Xaquín Lourenzo: Cantigueiro Popular da Baixa Limia, 1973) .
- O romanceiro en galego, inexistente?: vemos un outro aspecto interesante dende o punto de vista da sociolingüística, que ten que ver có polémico asunto da existencia, negada con frecuencia, dun romanceiro en galego. O salto ó castelán que fai o Señor Pepe do Curro cando insire o romance da muller despedíndose da casa familiar explicámolo cecais polo maior prestixio como lingua vehicular da cultura que acadou o castelán nos últimos séculos grazas a presión política que soubo exercer Castela. Non é que non existisen romances en galego, a proba está na cantidade de versións que recolle deste Xaquín Lourenzo, en galego e en portugués; semella máis ben que o pobo chegou a pensar que era máis digno transmitilos en castelán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario