Na "Descripción del Puerto del Ferrol remitida en Carta del Marqués de Manser, de 13 de Febrero de 1639" (Biblioteca Virtual de Defensa) ven un debuxo do fondo da ría coas Aceñas do Ponto e as Reais Fábricas de Neda, onde se facía o biscoito [galletas mariñeiras] que levaban como pan os mariñeiros nas súas viaxes.
Fai 400 anos o actual río Grande de Xuvia viña nomeado como "Río de Neda". Por riba do actual río de Santa Icía, que vai cara á presa das Aceñas do Ponto ou de Lembeye, pasaba unha pontella chamada "Puente de Loiva". Na nosa opinión hai un erro na transcrición do documento orixinal do Marqués de Manser: moi probablemente poría "Puente de Joiva".
No pasado o nome do pequeno río de Santa Icía tería sido Xoiva / Xuvia, o que cadra coa proposta etimolóxica que o profesor Porto Dapena fixera sobre o hidrónimo (Revista de Neda, año 2006: "Principios de toponimia: os casos de Neda e Xubia"), facéndoo derivar de juvenam, o mesmo que xouba, "sardiña xoven, de pequeno tamaño". O étimo vai en feminino por concordar seguramente cun sustantivo como "aqua" (cfr. Aqua Lata).
O río de Santa Icía foi antes, como se pode ver no mapa e se desprende da etimoloxía, o Xoiva ou Xuvia, que logo daría nome á zona de Xuvia / Xubia, e por oposición, ó río Grande de Xuvia (río de Neda neste plano). A etimoloxía e a cartografía antiga descúbrennos unha hidronimia desprazada que creou un paradóxico río Grande (o Xuvia / Xubia actual) que etimolóxicamente é pequeno.
A reducción do Xuvia / Xubia ó río de Santa Cecilia explica a "Lenda do Salto", como un frade que escapaba do mosteiro de San Martiño perseguido polos compañeiros, non sabemos que trasnada faría, logrou saltar por riba do río e chegar a San Nicolás de Neda ("Anuario ferrolano", 1901). De ter sido o Río Grande o que tiña que saltar, sería imposible.
Nalgúns documentos antigos amósase que o Xuvia e o Río Grande eran dous ríos distintos: "in territorio Trasanquos subtus monte Petroso discurrente ad ecclesiam Sancti Saluatoris, inter fluuius rio Maiore et Iuuia" (ano 1223).
3 comentarios:
No Tructino de 830 (era 868) aparece coma fluvium Iubia. Saúdos
Grazas Daniel! Non é incompatible, pois as letras i e j na Idade Media eran grafías coas que se escribía o son consoántico para o que agora usamos x.
Comentaba por compartilo dato, supoño que non é incompatible. Un saúdo
Publicar un comentario