A maioría das veces as nosas lendas conteñen o embrión doutras que se desenvolveron e difundiron con moita máis sona: A peeira dos lobos (Carapuchiña Vermella), Xaniño Pelica de Ovella (Ulises e Polifemo - Odisea), O siñor el rei e a vella (Barbazul), Dona Mariña (A Sereíña), Tareixa do Ceo (A Cincenta), O Tributo das Cen Doncelas (Tristán e Isolda)... Nunca topáramos cunha lenda galega que, segundo imos ver, conservou datos que explican aspectos escuros doutra lenda, que non se poderían entender sen ter en conta os detalles previos cronolóxicamente que fornece a nosa, o que amosa a continuidade entre os elementos do corpus folklórico a pesar das diferentes localizacións.
O conto galés de Culhwch e Olwen podería ser o relato artúrico máis antigo conservado; nel o heroe (transformado xa case en cabaleiro), para casar coa filla dun xigante ten que pasar unhas probas... A historia artículase como os contos maravillosos que estudara Propp, dos cales descende o xénero de cabaleirías. A máis importante das probas é a caza dun xabarín chamado Twrch Trwyth (ou porcus Troit na Historia Brittonum de Nennius). O chamativo desta proba é que ten que roubarlle ó xabarín o pente, as tesoiras e a navalla que o animal leva prendidos entre as cerdas do pescozo, coas que debe afeitar ó pai da noiva.
A bibliografía na que se estuda o relato galés céntrase nos seguintes aspectos: a cacería do xabarín como expresión do comportamento aristocrático das élites (Erias: La eterna caza del jabalí, Anuario Brigantino, 1999), ou ben no tema do barbeado e peiteado, vencellados á masculinidade e ó afillamento do cabaleiro por parte do seu señor (Sheenan: "Giants, Boar-hunts and Barbering: Masculinity in Culhwch ac Olwen", Arthuriana, 2005). Non se atopan estudos sobre o feito, sorprendente e absurdo, de por que un xabarín leva prendidos entre ás cerdas os obxectos citados; semella que se consideran só os típicos obxectos máxicos que aparecen nos contos, ós que non se lles adoita prestar moita atención.
Como é que o porco Troit adquiriu o pente, as tesoiras e a navalla que leva prendidos entre as cerdas? A resposta está agochada en dous contos galegos polos que se demostra, ademáis, a conexión do xabarín có Alén e cós seres encantados que o habitan (fairies), xa que logo, considérase un animal psicopompo ou guía das almas no seu transo ó Alén, mais non sempre queda ben evidenciada esta cualidade. As lendas tomámolas da obra de X.M. González Reboredo, Lendas galegas de tradición oral (1995). O paralelismo que estamos a comentar xa fora notado por Gustavo Arce, no que atinxe á primeira lenda, no grupo de Facebook Panceltismo Galaico (8-3-2014).
- O porco có pente prendido - lenda do Castro de Souteliño relatada por Santiago Bernárdez (Catálogo dos Castros Galegos. Fasc. III: Terra do Carballiño, 1930): "[...] o porco fora meter o fuciño no soalleiro do millo e entón unha moura para tornarlo guindoulle cun peite que se lle prendeu nas serdas [...]". Descúbrese logo que o pente era de ouro.
- O porco có rastrelo do liño prendido - lenda do Carballiño recollida por Alfredo González Caíña (Nós, nº 5, 1921): "[...] Cando xa non se dicía que existían mouros neste país -non sendo os encantados-, un dos veciños botou a pastar uns porcos cara ao monte dito Monte Negro e mandou de gardián un neno, o que se meteu por unha encañada do monte onde estaba unha manta de millo a secar e, a carón dela, unha vella moura arrestrelando liño, e un dos porcos foise tranquilamente ao millo; irritouse a vella e ceboulle (para matalo) o restrelo, e con tan boa sorte fuxiu con el cravado o porco [...] o dono examinouno e sacou en limpo que era de ouro. Aínda hoxe, aos sucesores desa familia lles chaman Os do Restrelo".
O porco revélase nestes dous contos como un animal que pode entrar e saír do Alén, pode contactar cós seres feéricos, cós encantos (a moura). O pente / rastrelo do liño é un obxecto máxico que provén do Alén, guindado por un destes seres feéricos que, ou ben peitea con el os seus cabelos, ou carda o liño (actividade relacionada có fiado das vellas divindades nai prehistóricas). O feito de seren de ouro os dous obxectos incide no seu carácter máxico.
Na versión galesa semella que o porco Troit leva ademáis outros obxectos máxicos prendidos entre as cerdas, as tesoiras e a navalla, por serén obxectos dos que se atopan nas famosas tendiñas das mouras (v. motivo A tendiña da Moura), vencellados porén tamén có Alén, os cales terían sido engadidos á historia porque permiten desenvolver o tema complementario do peiteado e barbeado en relación coa masculinidade (Sheenan). Pero para o que atinxe á masculinidade, o tema principal tería sido o da cacería do porco para recuperar o pente máxico (cecais un trasunto da crina do xabarín), proba de valor que achegaría ó home ás portas do Alén e que ben puido ser parte dun ritual de iniciación á idade adulta: segundo Propp os contos maravillosos agochan restos narrativos de antigos rituais iniciáticos, nos que a figura da maga (moura) adoita estar presente.
O lanzamento do pente / rastrelo
Agradezo a información que o noso colega Tonhito Karransa nos proporciona sobre a existencia dunha lenda hurdana na que se evidencia que o lanzamento do pente era a técnica favorita das mouras (serranas) para capturar ó que se adentraba no Alén. Normalmente ó acceso ó Alén dase baixo forma animal ou mediante un animal guía (seguindo a Propp). Nesta lenda queda ben claro que o pente máxico non ten capacidade de matar, cortar ou capturar fóra dos límites do Alén, que veñen marcados aquí pola raia fronteiriza da serra (trátase dun Alén contiguo xeográficamente ó Aquén):
"En término jurisdiccional de Casar de Palomero hay un sitio que llaman la Peña de la Mora, donde habitaba una Mora maligna, que abusaba de los hombres y luego los mataba tirándoles un peine. Pero hubo un caballero que logró zafarse de sus zalamerías e intuyó que le esperaba una muerte segura a su lado. Así que salió huyendo en su veloz caballo, haciendo caso omiso de los requerimientos de la Mora. La Mora le arrojó el peine, que sólo logró cortar la cola de la bestia, porque el resto del animal ya había traspasado la raya de la sierra: De buena te libraste, que de la raya pasaste" (F. Flores del Manzano, Mitos y leyendas de Tradición Oral en la Alta Extremadura", 1998, px. 183).
No hay comentarios:
Publicar un comentario