sábado, 18 de junio de 2022

Martulo (Armuño - Begondo)

 

Castro de Armuño (Bergondo).

As parcelas onde se atopa o castro de Armuño levan o nome de Martulo na ficha catastral. A etimoloxía que se fornece para os topónimos Martul e Martulo é o baixo-latín martyrium (1), que acadou a acepción xeral de "cementerio", sen ligar necesariamente as sepulturas á existencia de reliquias ou inhumacións de mártires cristiáns. Trataríase, pois, de sepulturas paleo-cristianas, ou alto-medievais, sitas nun castro. Cecais o castro mesmo considerado como cidade dos mortos ou tumba dos devanceiros, o que nos conduce a pensar que o espazo do asentamento do Ferro mantivo connotacións sacras ó longo do tempo.

Non sería este o único caso: temos analizado xa na entrada Castros, eiras dos mouros, cidades dos mortos o vínculo entre vellos cementerios e adros, dunha banda, e os asentamentos da Idade do Ferro (hipótese de Mingote Rodríguez). O de Martulo si tería o interese engadido de presentar un microtopónimo claramente indicador dunha necrópole moi antiga. A etimoloxía e datación alto-medieval do termo abrangue unha franxa cronolóxica que permite soster a continuidade funcional do recinto para un mesmo grupo cultural.

Di Michel Roblin que o baixo-latín martiretum (> martroy, martray, etc.) designaba o lugar destinado ás inhumacións, o cementerio [...]. En París, un martray xunto do Concello, en Saint Gervais, puxo ó descuberto varias sepulturas paleocristianas [...]. É posible tamén que a mentalidade popular aplicara este termo non só ás sepulturas, senón tamén ás ruinas ó nivel do chan, que lembraban ó aspecto das laudas funerarias" ("Histoire du peuplement et de l'habitat en France aux epoques anciennes", Annuaires de l'École pratique des hautres études, 1978).

(1) Piel: "Ramalhete de antropo-toponimia galega", en Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo", 1958. Aquí nós prescindimos da consideración do termo como antropónimo e achegámonos a el como sustantivo común, seguindo as notas sobre a evolución diacrónica que fornece o autor.

2 comentarios:

L. Masús dijo...

Olá, na Laracha, na parroquia de Vilaño hai o lughar de Marfulo. Podería tere a mesma orixe ca Martulo?
Saudos

Andregoto Galíndez dijo...

Olá Masús, estiven de viaxe (en Madrid). Pois paréceme difícil pasar dun t etimolóxico a un f.