A propósito dunha entrada anterior ("Configuración da paisaxe pacega de Galicia"), o veciño de Rodís Manuel Ruibal informoume amablemente da existencia do microtopónimo A Croa xunto á igrexa de San Martiño de Rodís (O Adro), na que existen vestixios dunha necrópole altomedieval. A situación topográfica do posible castro deducido do nome A Croa, ven sendo igual á que explicabamos na entrada citada, nunha estreita confluencia de ríos que deixa a zona máis ampla para o pazo gandeiro. Pensamos que o espazo adicado ó gando, neste caso, viría sinalado polo topónimo Ameixeira (v. ameixoar o gando = xuntalo na mallada), e non polo veciño Pazos, xa que elo implicaría atravesar o río dese lado, e pode que non resultara moi cómodo. En calquera caso, temos o espazo gandeiro correspondente, que segundo nós precedería no tempo, e determinaría a situación dos futuros asentamentos do Ferro no seu entorno.
O caso de estaren a antiga necrópole (posiblemente de orixe sueva) tocando o castro do Adro de Rodís resulta moi interesante, primeiro pola súa excepcionalidade, e logo para verificar a proposta de Mingote Rodríguez, que sostiña que os camposantos ou os adros antigos circulares, foron previos ás igrexas e estaban vencellados dalgunha forma á preexistencia de castros na contorna inmediata: así, a uns douscentos metros dun castro en Coeses (Lugo) aparecera unha necrópole nunha chousa circular, na que se atopou gran cantidade de vasillas funerarias (A rede de igrexarios e a identidade do territorio: os conxuntos vinculados ao patrimonio arquitectónico parroquial no medio rural do noroeste galego, tese de doutoramento, 2015).
A necrópole de Tines, da mesma época, e situada en Manlle (cecais do latín villa manualia, en referencia ás tarefas manuais do agro) na confluencia de dous ríos, non se atopa á veira dun castro, senón xunto ós restos dunha vila romana hoxe tapada. A situación da vila na cola do interfluvio, onde menos espazo resta para o gando, amosa a mesma estratexia de ocupación do territorio que na Idade do Ferro, aínda que executada tempo despois, durante a romanización. Disto deducimos que, a pesares da aculturación que se produxo durante a romanización, se mantivo a base da identidade cultural e económica (gandeira) da poboación. Tambén resulta interesante o vínculo entre castros ou vilas abandoadas, por obsoletas, e o nacemento dos cementerios na súa periferia: son as cidades dos devanceiros, as cidades dos mortos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario