lunes, 24 de mayo de 2021

Fontes Tamarici - as fontes do Tambre

Forno dos Mouros na Serra do Bocelo (entre Sobrado e Toques).
(C) Dolores González de la Peña, 2016.

No artigo de Virgilio Fernández Acebo ("Las "fontes tamarici" de Plinio y la ciudad ptolemaica de Camarica: Hacia la reescritura de un pertinaz equívoco sobre la Cantabria antigua", Sautuola IX, 2003) revísase e descártase como falta de fundamento a hipótese de García Bellido que situaba as fontes tamarici de Plinio na Reana (Palencia), nunha publicación na que Acebo destaca o posible obxectivo espurio de promocionar o turismo na zona palentina fornecendo atractivos histórico-lendarios sen moita base para soster a proposta.

Pola contra, o autor inclínase, na miña opinión con moi bo criterio filolóxico, a favor dunha localización das fontes tamarici na Galicia (Gallaecia) pois nos textos clásicos, e (engadimos) refrendada polos testimonios medievais, temos suficiente documentación que garante que o hidrónimo Tambre ven da forma Támara, e que os pobos que vivían na contorna do río recibían os nomes de celticos supertamaricos (doutro lado do Tambre, ó norte) e praestamaricos (deste lado do río, ó sur). Fontes tamarici, é impepinable, non é outra cousa que as fontes do Tambre, os mananciais que orixinan o río Tambre, e non unha fonte romana de pedra. Non cabe máis discusión.

A paisaxe gandeira pacego > castrexa artéllase coa paisaxe megalítica (tambén gandeira) mediante as vías de tránsito naturais; isto é, os camiños formados polas divisorias das augas dos ríos, auténticas vías sacras sinaladas polas medoñas. Nunha altura temporal na que as pontes aínda non existían e na que o gando estaba semidomesticado e cecais non era doado obligalo a vadear (se é que era posible o paso nos ríos encaixados de Galicia), a comunicación entre cuncas fluviais tiña que basearse en remontar o percorrido do río ata o seu nacemento e darlle a volta, ou ben tomar nese punto a dirección doutra cunca. A modo de exemplo imos velo có caso do Eume.

(C) Andregoto Galíndez, 2021.

Vindo do sur pola divisoria indicada polas medoñas do Galiñeiro en Cambás (Aranga) e as da Serra da Loba, chégase ó Alto do Fiouco, onde nace o Eume no Xistral. Logo pódese dar a volta cara a Muras e seguir o Camiño dos Arrieiros que no Freixo toma a dirección a Bares, tamén inzado de medoñas e ben estudado por don Federico Maciñeira, que puxo de relevo a estreita relación entre os túmulos e as vías de tránsito natural. Cunha liña laranxa sinálase a opción de ir cara á costa de Lugo: xusto onde termina a liña é onde nace un importante tributario do Landro, o que permite salvar o camiño nese punto. O nacemento sinalause no pasado chantando a estela megalítica do Pau da Vella. Non é maravilloso?

Non esperamos entón algunha maravilla semellante no nacemento das fontes tamarici? Amáis das que conta Plinio, como o seu carácter intermitente, o que as dotaba de capacidade augural? Ó final do Camiño Real de divisoria das augas, inzado de mámoas, que percorre o Bocelo nacen o Tambre e moi cerquiña (no Marco das Pías) o Mandeo. Xusto onde xurden varios tributarios que acabarán formando o río Támara os nosos antergos construíron o formoso Forno dos Mouros. A toponimia da zona non pode ser máis diáfana: Monte das Meigas, Os Mirallos < Miraculos (miragres).


Fontes tamáricas (Sobrado). Os percursos sinalan as divisorias de augas do Tambre alto e medio polo norte e polo sur. As estreliñas, concentracións de mámoas (necrópoles do Bocelo e do Abelar), así como acumulacións de castros neste último punto: As Travesas (Beira - Carral), e A Alcaiana e Castromaior (Vizoño - Abegondo) no lugar no que a divisoria coincide con varias nacentes.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.

QED

No hay comentarios: