viernes, 7 de noviembre de 2025

Abenza e Abenzá, Ventín, Vilarvente, Celavente, Valente e Valença

Como indicara Xosé Ramón López Boullón no seu traballo sobre a Toponimia de Ames, o topónimo Ventín (varios en Galicia) procede do nome propio romano Valentinus en caso xenitivo de posesión (Valentini); o tal Valentín tería sido o propietario primeiro dos terreos, os que, como adoita suceder noutras ocasións, levaban o nome do seu posuidor. Nun documento de Toxos Outos do ano 1156 aportado por López Boullón vese aínda sen monoptongar o ditongo xurdido trala caída do [l] intervocálico: "Vaintim".

Máis doada de identificar é a forma do ditongo que aparece nun documento do ano 1197 (Santiago - Tumbo C: CODOLGA): "tam de abolentia quam de ganantiam in Vaentim et in Aderei".

Interésanos destacar, polo tanto, que os casos con conservación do [l] intervocálico desta familia léxica (Valentinus, Valentia, etc.) son cultismos, sendo a evolución patrimonial a que presenta caída do son lateral [l] e monoptongación do ditongo ae resultante. Así:

  • "per Petram Curuam recto itinere ad Uilar Ualenti" = Vilarvente (Lugo). Ano 897 (Lugo - fonte: CODOLGA)
  • "in uilla que uocitant Cella Valenti flumen Viuei" = Celavente (Ourense). Ano 912 (Astorga - fonte: CODOLGA).

Por este motivo introducimos como posibilidade a ter en conta que a etimoloxía do topónimo oxítono Abenzá (Celanova) haxa que remitila a unha frase *illa villa Valentiana , termo formado dende Valentia ou Valentius máis sufixo derivativo -ana. O artigo feminino, que nun primeiro momento facilitaría a elisión do substantivo "villa" núcleo da frase, A (vila) Venzá, rematou por se entender como parte do topónimo: Avenzá / Abenzá. O topónimo español Valencia, de feito, atópase nalgún caso na documentación medieval galega como Baenzia ou Baentia: "in Gallecia et Castella, in Naiara et Saragocia, in Baentia et Almaria" (ano 1151 - Sobrado: CODOLGA). Non sería extraño, polo tanto, que o topónimo Abenza paroxítono fose evolución patrimonial de *Illa Valentia: "Afonso da Abenza" (ano 1467 - Amoeiro: CORPUS XELMÍREZ).

Isto ven a conta porque para o Abenza deducido do nome do río Portabenza (tributario do Mandeo) e o topónimo Abenzá de Celanova, o profesor Juan José Moralejo non descartaba que provisen de antropónimos latinos, ben de Aduentus, ben de Aventius ("Hidrónimos galaicos con sufijo -ANTIA", Acta Paleohispánica, 2005), mais parécenos improbable pois estes dous nomes propios non están documentados como tales no corpus galego.

O nome de "Castro do Valente" aparece na parcela 164 baixo o círculo lítico de Ventosiños (Coeses).

O perigo de interpretar algúns destes resultados como derivados do latín ventum > vento é un risco claro (cfr. Ventín ou, por exemplo, o "Villare Valentum" (ano 572) do que esperariamos un resultado *Vilar Vento). Esta confluencia cecais explique por que o círculo lítico de Castro do Valente (Coeses - Lugo) estea moi preto da aldea de Ventosiños, nome que cecais non sexa, como parece, un derivado do latín ventum, senón unha reinterpretación sufixada do resultado *Vent- procedente do Valente que se conserva como nome do castro.

Dende o século IX o verbo de orixe latino valere, "ser forte", pasa a ter un significado económico, e non pode descartarse que na toponimia os nomes de lugar desta serie, se é que non proveñen dun posuidor chamado Valentinus ou Valentius, fagan referencia ó valor económico que tiñan as terras designadas como Valentia, no senso de "valiosas, prezadas".

No hay comentarios: