martes, 18 de noviembre de 2025

Saencia e A Saínza

Pódese relacionar o orónimo Saencia de Navia de Suarna, e mesmo o topónimo A Saínza (Rairiz de Veiga - Ourense) coa raíz hidronímica paleoeuropea *SAL-, "auga", na liña de Xosé Lluis García Arias (Toponimia asturiana, 2005), que propón a devandita base indoeuropea, presente no nome do río Salia > Seya, para explicar varios topónimos de Asturias e León, como Saliencia (Somiedo), La Salencia (unha fonte de Llaviana) ou Salientes (Palacios del Sil). O investigador non descarta, doutra banda, que estes topónimos estean relacionados co verbo salir (saír no caso do galego, con perda do -l- intervocálico).

Julio Concepción, no seu Diccionario etimológico de toponimia asturiana (2007) comparte tamén esta última idea: "en algún caso sería posible una supuesta relación con el verbo salir ('un lugar de salida'), referida lo mismo a una 'salida' de agua que a un terreno, un valle, a la 'salida' respecto a otro con el que comunica".

Pódese partir, pois, da base *SAL-, ou ben, mellor, do verbo saír, cuxo significado pensamos que se adapta perfectamente a estes dous casos: no Monte da Saencia en Navia de Suarna, nace (sae, brota) o Río Acevedo, e moi preto da Saínza de Rairiz de Veiga o Río Bidueiro conflúe no Limia, sae ó Limia.

No primeiro sentido Saencia (< Salientia) é sinónimo do hidrónimo Lucenza (punto onde ve a luz un ollo de auga ou manancial - v. Cabeza Quiles, Toponimia de Galicia, 2008). No estudo de Suárez Fernández "Salimeira, Salime, Saliencia y Salanceira: continuadores del llatín salire" (2006) inclúense exemplos moi ilustrativos, así como a proposta de Coromines, que consideraba o aranés Salient como "(aquam) salientem" = salto de auga. Suárez conclúe indicando que Saliencia sería un lugar onde existe un salto de auga (fervenza) ou onde abrolla a fonte ou manancial que forma un río.

Para os topónimos galegos Saencia e A Saínza parécenos máis adecuada ó contexto románico peninsular a proposta hidronímica que vimos de expor que a fitotoponímica de Gonzalo Navaza (Fitotoponimia galega, 2006), que relacionaba estes dous topónimos co latín *salicea, "lugar no que abundan os salgueiros", derivado provinte do latín salicem, "salgueiro". O que non explica satisfactoriamente o -n- de Saencia / A Saínza, nin documentación antiga do termo en contexto hidronímico "per aqua de ipsa Sayza" (ano 1172 - Ribas de Sil; probablemente coa nasalización do y sen reflictir na escrita mediante til).

No hay comentarios: