miércoles, 12 de noviembre de 2025

As fontes do Anllóns

Parece mentira que a estas alturas do século XXI aínda quede no planeta Terra pendente de realizar algunha exploración mítica, semellante á da procura do Paso do Noroeste ou a de atopar as fontes do Nilo. Onde podería suceder iso senón aquí mesmiño, en Galicia?

Cando fixera a entrada do blog adicada ós hidrónimos Lengüelle e Anllóns dinme de conta de que nacían moi xuntos, na Serra de Montemaore (zona das Brañas da Estaca e Porto do Eixo). Por suposto que non estaba a descubrir o nacemento de ningún deles, ou iso pensaba eu; só aproveitei a proximidade das fontes para establecer unha etimoloxía común, e di por sentado que se coñecía con seguridade o lugar de nacemento destes dous ríos.

Altariño das Fontes do Anllóns. (C) Fotogrametría de Álex Negreira.

Cando o amigo Manuel Ruibal atopou un precioso petróglifo no Ghalo, ó que bautizou como "Altariño das Fontes do Anllóns", por representarse nel varias nascentes fluviais que brotan no monte, eu quedara un pouco pasmada porque cría que o Anllóns non nacía no Ghalo, pero se o dicían a cartografía e os xeógrafos... seguramente estaría eu errada.


Porén, a pouco que se observe a cunca hidrográfica da cabeceira do río Anllóns vese que nace na estribación leste da Serra de Montemaore (Soandres - A Laracha), na zona entre as Brañas da Estaca e o Porto do Eixo, mentras que o río que nace no Ghalo preto da Pedra de Santa Marta, fito límite entre os concellos da Laracha, Cerceda e Culleredo, é claramente un tributario do Anllóns, pois é moito máis curto. Paréceme que nin sequera daría para falar dunha cabeceira bifurcada ou dobre. 

De onde provén o erro de considerar ó Ghalo o nacemento do Anllóns? Vemos que esta crenza está bastante extendida. Así, na web Toponimia de Galicia lese que "Anllóns é o nome dunha das correntes fluviais máis coñecidas de Galicia e o principal río da comarca de Bergantiños. Nace no Monte Xalo" ("Anllóns e Anllo: cando un río forma ángulos"). Así mesmo, na cartografía dende a primeira edición do MTN25 xa ven sinalado o nacemento no Ghalo na zona da Pedra de Santa Marta; o seu nome indícase co hidrónimo castelanizado "Allones" colocado ó longo do curso do tributario, baixo as aldeas de Mantiñán e Refoxo.


Pola súa parte, o xéografo Augusto Pérez Alberti describira unha cabeceira triple para o Anllóns: unha fonte no Xalo ó sueste de Mantiñán (Soandres - A Laracha), que ven sendo a que nacería preto da Pedra de Santa Marta, outra en Antemil (Cerceda) e outra no monte Pedrouzos, que baixaría por Currelos de Arriba e formaría o Río Grande (A xeografía: o espacio xeográfico e o home, 1986).


Non nos parece pertinente considerar ó rego que pasa por diante de Currelos de Arriba unha cabeceira, pois se incorpora ó río principal que ven do Porto do Eixo e recibe o nome de Rego das Brañas do Feo ou do Zudre, e ó seu paso por Antemil e Lavandeiras cambia o seu nome polo de Rego das Lavandeiras ou de Cortella, para logo adoptar o de Porto dos Carros e Río Grande, e finalmente, o de Anllóns. Precisamente é co nome de Río Grande como aparece nomeado o Anllóns no deslinde entre A Laracha e Cerceda (1924: IGN): "continúa después la línea de término remontando el referido "Río Grande" dejando en término de Laracha los lugares de Currelos de Arriba y Salgueiras, pasa por unos molinos importantes, propiedad de Ricardo Candal, vecino del lugar de Pedamúa, de la parroquia de Meirama, recibiendo en dichos molinos el nombre de "Río do Porto dos Carros", continúa desde allí remontando el mismo río hasta este 3er mojón [situado preto do "Rego das Lavandeiras" ou de "Cortella]".

Polo tanto, o Río Grande, nome que adoitan recibir os cursos fluviais principais, continúa nos tramos chamados Río do Porto dos Carros e Rego das Lavandeiras, sendo sempre o mesmo río, o que invalida que o tributario que nace no Ghalo (Pedra de Santa Marta) e que nin sequera ten nome nas minutas do IGN, poida considerarse o nacemento do Anllóns.

Os exploradores do Instituto de Estudos Bergantiñáns, como Stanleys, comezaron no 2000 varias andainas para localizar as fontes do Anllóns e chegaron as mesmas conclusións ca min ("O nacemento do Anllóns", La Voz de Galicia, 10 de maio de 2022), editando un caderniño e un libro cos resultados das súas investigacións, O Anllóns, arteria principal de Bergantiños (2020).

Non concordo con eles na apreciación que se reflicte no artigo citado de La Voz de Galicia: "se antigamente ao lugar de nacemento dun río se lle atribuía pouca consideración, hoxe en día esperta moita curiosidade para todas aquelas persoas interesadas pola xeografía local e amantes do medio natural". Basta con lembrar o culto as fontes (mananciais e nascentes fluviais) que caracterizaba a primitiva relixión galaica, segundo deixou escrito San Martiño de Dumio na súa obra De correctione rusticorum. Proba delo é o petróglifo do "Altariño das Fontes *do Anllóns*" descoberto por Manual Ruibal no monte Ghalo, no punto no que nacen os sistemas fluviais do Rego da Hermida - Rego das Xesteiras - Valiñas - Mero, e o do Rego da Orca - Rego da Porta Antiga - Barcés - Mero, e mailo devandito tributario do Anllóns.

Pola relevancia que ten coñecer con exactitude a nosa xeografía, e concretamente o lugar de nacemento dun río tan importante para a comarca bergantiñá como é o Anllóns, é preciso correxir o erro na cartografía nacional, orixe desta confusión.

No hay comentarios: