Larín (Láncara), co microtopónimo O Castreliño nomeando unha parcela limitada por unha grande trincheira que podería ser o foso defensivo do antigo recinto da Idade do Ferro.
Abaixo á esquerda, segundo me indica amablemente o arqueólogo Eloi Saavedra, a posible croa do Castreliño na fotografía aérea do Voo Americano de 1956-57.
O topónimo Larín de Láncara e mesmo o Larín de Arteixo, que atopamos documentado como "Elarim" no ano 969 ("Sanctum Stefanum de Elarim") proveñen do nome propio Elarinus en caso xenitivo de posesión (Elarini), o que indicaría a pertenza das vilas a un propietario deste nome.
Do mesmo xeito, existen mencións ó Larín de Láncara como "territorio Sarrie subtus muro de Mahamuth, propre villa regis que vocitant Elarin" (Samos, ano 962), ou "per terminum de Sarria et inde per termino de Elarin et per termino de sancto Vincentio de Lancara" (Samos, ano 1059).
Elarinus segundo Ana Isabel Boullón é un derivado do nome propio latino Hilarius / Elarius, de orixe grega, vencellado á alegría e á risa. Convén distinguilo polo momento do nome persoal Lalinus, probable orixe do topónimo Lalín de Pontevedra.
O Seminario de Onomástica no seu vídeo sobre o nome de lugar pontevedrés de Lalín (Gonzalo Navaza) indica que o Larín de Arteixo se documenta como Lalín nos textos medievais, polo que viría de Lalinus, do mesmo xeito, afirma o investigador, que o Larín de Láncara. Mais dita consideración non está a ter en conta que as ocorrencias máis antigas destes dous topónimos Larín amosan a forma "Elarini", de Elarius.
No hay comentarios:
Publicar un comentario