En Galicia existen varios topónimos A Condesa ou As Condesas, e moitos menos A Contensa ou As Contensas (4 microtopónimos). Pola semellanza fónica entrámbolos dous pensamos que os primeiros non sempre aludirán a unha antiga propietaria nomeada metonímicamente polo seu título (latín comitissa).
Seguramente algún deles será dos que aparecían documentados na Idade Media coa forma contensa, que é un participio do verbo latino contendo, "litigar, contender":
- agro de Contensa (ano 906 - Diplomática Astur)
- pomare qui est sub illa fonte de Contensa (ano 996 - Celanova)
Noutras linguas románicas o sustantivo ten significados semellantes:
Contesa (catalán): contenda, baralla, disputa.
Contesa (italiano): confronto.
Ó tempo, detéctase por toda Galicia un uso estable deste termo na documentación xurídica medieval, no senso orixinal vencellado a litixios ou pleitos polas lindes territoriais, pola propiedade dunha herdade, ou cecais polas quendas de uso das agras para pastos ou das augas das regas ou mananciais:
- si aliquid homo ipsas quintas in contensa miseret (ano 956 - Lalín)
- miserunt ipsas villas in contensa (ano 1042 - Celanova)
- ipsas hereditates in contensa miserit (1056 - Samos)
Na toponimia, o paso puntual das formas Contensa a Condesa, cun grupo ns que en principio se mantén na evolución do latín ó galego e cun son t que pola súa posición non muta a d, teríase producido por confusión (etimoloxía popular): unha vez olvidado o significado deste tecnicismo xurídico, reinterpretaríase o nome de lugar como Condesa polo parecido fónico entrámbolos dous, ó ser "condesa" un sustantivo de uso xeralizado.
O topónimo Condesa polo tanto aludirá ás veces a litixios pasados motivados polos lindes, propiedade das terras ou o uso alterno das mesmas para aproveitamentos gandeiros. Os topónimos Contensa e ás veces Condesa (transformado por etimoloxía popular) son equivalentes do sustantivo e topónimo español Contienda / portugués Contenda, provinte do mesmo étimo latino.
No caso da pedanía de Olivença chamada San Benito de la Contienda / São Bento da Contenda, e doutros Contenda / Contienda fronteirizos como A Contenda de Moura (Portugal), a devandita contenda alude non a batallas entre os dous reinos, senón a conflictos polo uso dos pastos: "el término contienda / contenda adquirió en ese territorio [val do Guadiana] un sentido derivado del tradicional, ya que se utilizó en época medieval para designar a las zonas de pastizal, monte o eriales disputadas; para solucionar esos pleitos se acordó configurar espacios de aprovechamiento ganadero mancomunados, sin frontera, abiertos a los rebaños portugueses y castellanos en igualdad de condiciones" (José Luis Martín Martín, "Problemas de límites en las diócesis vecinas de Castilla y Portugal en la Edad Media", 2005).
No hay comentarios:
Publicar un comentario