domingo, 18 de febrero de 2024

Arcillá e Campo da Matanza

Sobor da recente presentación dos novos campamentos romanos descobertos polo colectivo Roman Army na provincia de Lugo ("Entre valados e piñeirais. Achegas arqueolóxicas ao coñecemento da presenza militar romana na Galicia nororiental", Boletín do Museo do Castro de Viladonga, 2024) chamamos a atención sobre a metodoloxía empregada, baseada exclusivamente na análise de imaxes do terreo ("diversas técnicas de detección remota" como "conxuntos de datos xeoespaciais en Sistemas de Información Xeográfica": imaxes aéreas e de satélite, e xeración de modelos dixitais a partir dos datos LiDAR).

Estamos en condicións de afirmar que toda a información obtida deste xeito debe contrastarse sempre, cando menos, coa que se obtén da análise da toponimia da contorna e da consulta da documentación antiga dispoñible. Como exemplo do que poden aportar á investigación os devanditos factores imos centrarnos no caso do posible campamento romano que o colectivo localizou na Costa (Arcillá - Cospeito). Segundo os autores, o recinto identificado é, case con completa seguridade, un campamento romano ("fiabilidade alta" segundo a escala que empregan). Mais entre seguridade absoluta e "fiabilidade alta" hai unha diferenza que pode despexarse coa metodoloxía multidisciplinar que convén utilizar sempre.

Unha consulta sobre a folla catastral na contorna oeste do campamento da Costa - Coto de Montoucido (Arcillá) revela o microtopónimo Porto Romao no vao do Támoga, un claro indicador da filiación da vía de comunicación que daba servizo ó asentamento romano, que quedou fosilizado na toponimia.

Outra consulta a unha fonte documental primaria, como pode ser o Catastro de Ensenada, amosa a existencia do que se vían / interpretaban como Castelos, na zona do Coto de Montoucido, entre a necrópole tumular: "de hallí sigue al [marco] da Modorra Grande, de allí a la Modorra de Mama, Castelos, de allí al Carvalliño, de allí al río Támoga, y por el agua avajo hasta el sitio de Bico Aguillón" (CE - Parroquia de Arcillá, século XVIII).


Temos, polo tanto, máis base para afirmar que o de Arcillá é un asentamento romano (campamento, segundo o colectivo) non estacional, pois desenvolveu na súa contorna unha vía de comunicación estable, no vao do Támoga, así como un topónimo, Castelos, que indica tamén a existencia dun recinto fortificado murado (doble muro, cecais) máis que provisional.

Pola súa parte, o topónimo Arcillá (documentado como "Arciliana" no 1038 - CODOLGA) neste contexto colonial romano, podería provir do latín arx, arcis, "fortaleza, cidadela", en referencia ó campamento, ou ben do latín arca, que en latín tardío tería designado un recinto delimitado, pechado por unha empalizada. Arca tamén aparece vencellado ás terras coloniais centuriadas ou ben ó ager arcifinius, unha remodelación do parcelario de orixe romana.

Respecto do ager arcifinius son moi interesantes as consideracións que resume Castillo Pascual, pois o termo tivo importantes connotacións militares: algúns autores consideran que o ager arcifinius "es un territorio situado fuera de los muros, limitando con los pueblos vecinos y sirviendo de baluarte defensivo contra éstos en caso de una eventual invasión; [otros] a relacionarlo con arx, baluarte guerrero en la frontera; o a definirlo como la frontera de un territorio". Estas precisións terminolóxicas encaixarían coa estratexia militar de penetración y control dos territorios fronteirizos que se lles presupón ás instalacións do exército romano ("Ager arcifinius: significado etimológico y naturaleza real", Gerión, 1993).

Noutro dos casos dos posibles campamentos romanos que presenta o colectivo Roman Army, no Campo da Matanza (O Cávado - Baleira), limitámonos a sinalar que a lenda que indican, "relatos sobre unha antiga batalla neste campo, que se sitúa durante o reinado de Alfonso II", ven motivada seguramente por unha reinterpretación popular do topónimo, que non ten que ver con matanza algunha, senón cun derivado en -ANTIA do sustantivo prerromano MATA, "monte baixo", tal e como amosa a existencia de uceiras no lugar, sendo porén un fitotopónimo.

No hay comentarios: